A Deputación destina 15.000 euros para reforzar a seguridade alimentaria da poboación refuxiada saharauí residente nos campamentos de Tindouf (Alxeria)

A axuda xestiónase a través de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e consiste na adquisición de alimentos en coordinación coa Media Lúa Vermella para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas refuxiadas

31/05/2026

A Deputación de Pontevedra asinou un convenio con Solidariedade Galega co Pobo Saharauí por valor de 15.000 euros para reforzar a seguridade alimentaria da poboación refuxiada saharauí residente nos campamentos de Tindouf, en Alxeria. En liñas xerais, a axuda consiste na adquisición de alimentos en coordinación coa Media Lúa Vermella para garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas refuxiadas.

Nos últimos anos produciuse unha redución significativa das achegas do Programa Mundial de Alimentos, o que provocou un déficit na canastra básica mensual e un aumento dos índices de malnutrición, especialmente entre nenas e nenos menores de 5 anos, mulleres embarazadas e lactantes e persoas maiores. Deste xeito, os recursos provinciais servirán para mercar alimentos básicos como arroz, aceite, azucre ou legumes no mercado de Tindouf para garantir a subsistencia da poboación saharauí que reside nos campamentos de refuxiados.

Mediante esta axuda a Deputación de Pontevedra está a reafirmar o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos en todo o mundo, colaborando con entidades locais da provincia como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. En concreto, estes recursos terán impacto nunha poboación de preto de 174.000 persoas que segundo ACNUR residen nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf, Alxeria.