Luisa Sánchez celebra o récord de público rexistrado polo Certame de Rondallas de Vigo, con 7.000 asistentes enchendo o IFEVI
A vicepresidenta provincial presenciou o evento, que atraeu a centos de persoas de fóra de Galicia, e participou na entrega de premios
17/01/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebrou o récord de público rexistrado polo Certame de Rondallas de Vigo que tivo lugar este sábado no IFEVI. Preto de 7.000 persoas encheron as butacas dispoñibles no pavillón 1 do recinto feiral, entre as que se atopaban centos de visitantes procedentes de fóra de Galicia.
Este éxito de asistencia sumouse ao acadado na participación de rondallas, xa que actuaron 17 agrupacións procedentes de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán, Tui, Redondela e Baiona, con debut das pertencentes a estes dous últimos concellos. As formacións contaron con arredor de 100 compoñentes cada unha, polo que mobilizaron case 1.500 persoas.
A vicepresidenta provincial felicitou á Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, entidade organizadora do evento, “por rachar cos récords e por dar unha nova dimensión a esta espectacular tradición da nosa terra”. Do mesmo xeito, enxalzou o traballo de rondalleiros e rondalleiras, a quen tivo a ocasión de saudar antes do inicio do festival. “O voso talento, dedicación e amor pola música e pola nosa cultura reflíctense nas vosas actuacións. Grazas por ser gardiáns da nosa música e transmitila con tanta paixón”, indicou.
Luisa Sánchez remarcou o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cita, á que a institución achega 10.000 euros co obxectivo de “protexer e promover este legado musical e cultural do que sentimos tanto orgullo”. Por último, malia que o evento sempre congregou a milleiros de persoas no IFEVI, valorou o “enorme éxito” da presente edición como unha mostra do pulo que vén de dar a estrea en cines da película ‘Rondallas’. “Sen dúbida, contribuíu a revalorizar este patrimonio cultural que atesoramos e a proxectalo fóra de Galicia”, sinalou.
