A Deputación inaugura este luns no Pazo provincial a exposición “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”

A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega, abrirase cunha sesión de relatorios na que participará o deputado de Cultura Jorge Cubela e na que se afondará sobre o instrumento, o método e novas técnicas de interpretación

31/01/2026

A Deputación de Pontevedra acolle a partir deste luns no Pazo provincial a exposición A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” do Consello da Cultura Galega. A mostra poderase visitar entre o 2 e o 27 de febreiro no vestíbulo principal do edificio, e a inauguración terá lugar ás 20:00 horas. Previamente, ás 18:00 horas celebrase un acto de presentación no Salón de Plenos no que participarán o deputado de Cultura, Jorge Cubela, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, e irá seguido dunha sesión de relatorios.

A pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, polo que conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións. Con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente, polo que a mostra que acollerá o Pazo provincial da Deputación reivindica que innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro.

En liña coa celebración da poesía popular nas Letras Galegas de 2025, “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” achega ao público o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos do seu instrumento máis representativo, a pandeireta, a través dunhas xornadas-exposición valiosas como recurso pedagóxico que fomentan e proxectan esta parte do patrimonio sonoro galego. Tamén busca contribuír aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia con documentos históricos e de nova creación para que, ao igual que se fixo coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade.

Os relatorios comezarán arredor das 18:30 horas da man de Suso Vaamonde con “O instrumento hoxe. Métodos e novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais”, no que amosará os primeiros estudos acústicos do instrumento que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, e tamén se presentará o método “Nova técnica de pandeireta galega”. A continuación terá lugar “A cega de Miranda e a mudanza dos roles: pandeireteiros na vida da mítica cantareira”, impartido por Ricardo Polín, no que presentará o estudo “Dolores, A Cega de Miranda (na súa noite máis clara)”. Por último, Arturo Lamas Braña impartirá o relatorio “A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol”.