#CULTURA

A PANDEIRETA GALEGA. ACTUALIZACIÓN DUN INSTRUMENTO ANCESTRAL

Do 2 ao 27 de febreiro de 2026

Vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra

Horario de visita: de luns a venres, de 9 a 20 h

Sesión de relatorios: luns 2 de febreiro, de 18 a 20 h

Inauguración da exposición: luns 2 de febreiro, ás 20 h


Un aro de madeira, pel natural e algunhas ferreñas foron suficientes para conquistar un espazo no grande universo dos instrumentos musicais. A súa tipoloxía podémola rastrexar desde tempos inmemoriais en diferentes culturas. En Galicia, mantivo sempre a súa característica forma circular, e así aparece reflectida na obra dos principais artistas nas últimas décadas do século xix e primeiros anos do xx, que buscan a aproximación á cultura popular a través da paisaxe, das persoas e dos costumes. A pesar da súa sinxeleza, acadou altas cotas de popularidade como instrumento de acompañamento nas mans de recoñecidas cantareiras. Hoxe, seguindo aquelas pegadas, son os homes os que a están elevando a un novo espazo dentro das súas actividades artísticas, reinterpretando e creando novas músicas.

En liña coa celebración da poesía popular oral nas Letras Galegas de 2025, propoñémonos achegarlle ao público o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos do seu instrumento máis representativo: a pandeireta. Farémolo a través dunhas xornadas-exposición, valiosas como recurso pedagóxico, que fomentan e proxectan esta parte do patrimonio sonoro galego, para contribuír, por outra banda, aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, con documentos históricos e de nova creación, para que, ao igual que se fixo coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade.

A pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, polo que conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións. Con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente. Innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro. Neste equilibrio entre respecto polo ancestral e apertura ao contemporáneo reside a verdadeira riqueza.

Organización:
Consello da Cultura Galega

Comisariado:
Luciano Pérez Díaz
Suso Vaamonde Manteiga

Coordinación:
Luciano Pérez Díaz
Servizo de Cultura. Deputación de Pontevedra

Deseño gráfico:
Antonio Sanjurjo Astorgano

Relatorios:
Suso Vaamonde Manteiga, músico, mestre e investigador
Mercedes Autrán Romero, mestra de música e profesora na Banda-Escola Municipal de Lugo
Xosé Maceda, construtor de instrumentos de percusión con pel
Arturo Lamas, gaiteiro e presidente do Real Coro Toxos e Froles
Ricardo Polín, doutor en Filoloxía e historiador

Vídeos da exposición:
Ver lista de reprodución en YouTube

Programa

  • 2 de febreiro, salón de plenos do Pazo provincial
  • Ás 18.00 horas, presentación a cargo de:
    • Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
    • Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra
    • Jorge Cubela, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra
    • Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, comisarios da exposición
  • Ás 18.30 horas, relatorios:
    • “O instrumento hoxe”, impartido por Suso Vaamonde. Método e novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais. Amosaranse os primeiros estudos acústicos do instrumento, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, e presentarase a nova técnica de pandeireta galega.
    • “A cega de Miranda e a mudanza dos roles: pandeireteiros na vida da mítica cantareira”, impartido por Ricardo Polín. Presentarase o estudo “Dolores, a cega de Miranda (na súa noite máis clara)”.
    • “A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol”, impartido por Arturo Lamas Braña.
  • Ás 20.00 horas Inauguración da exposición no vestíbulo do Pazo provincial