A Deputación programa a próxima semana seis espectáculos de teatro en Tui, O Campo Lameiro, Salceda de Caselas, Oia, Vila de Cruces e Gondomar enmarcados no circuíto +Escénicas

O martes 13 “Tubos do mundo” representarase en Tui; o venres 16 “Contos que foron chistes” no Campo Lameiro, “Charlatán Rodríguez” en Salceda de Caselas e “Garavanciña. Contos con música” en Oia; o sábado 17 “Unha señora orquestra” en Vila de Cruces e o domingo 18 “Love está no aire” en Gondomar

10/10/2026

A Deputación de Pontevedra programa a próxima semana, do 13 ao 18 de outubro, un total de seis actuacións que forman parte do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Os espectáculos da semana terán lugar este martes 13 de outubro en Tui; o venres 16 no Campo Lameiro, Salceda de Caselas e Oia; o sábado 17 en Vila de Cruces e rematarán o domingo 18 en Gondomar.

A programación semanal de +Escénicas comeza o martes ás 11:00 horas no Teatro municipal de Tui da man da compañía de Xavi Bufo e o seu espectáculo “Tubos do mundo”, un concerto sorprendente no que Xavi Lozano presenta a súa particular forma de relacionarse musicalmente coas obxectos: se as frautas son tubos, moitos tubos da contorna cotiá poden considerarse frautas… se sabes como soprar neles.

O calendario continúa o venres ás 11:30 horas no Centro sociocultural do Campo Lameiro onde o actor e contador de historias Avelino González presentará “Contos que foron chistes”. Os contos e os chistes non teñen máis fronteira que o sentido do humor de cada quen. Por iso hai contos moi semellantes en distintos países; contos que coñecemos como moi galegos pero que se dan tamén en países como China ou no Vietnam.

O venres, ás 18:00 no auditorio de Salceda de Caselas, terá lugar “Charlatán Rodríguez”, de Rendos Pequeno. A peza presenta a historia dun charlatán que chega á vila coa súa lingua afiada, os seus instrumentos afinados e seu posto de venda ateigado de remedios para todos os males. Armado de retranca e coa sabedoría que dá percorrer todos os camiños, será quen de vender ao público menciñas que non necesitan a prezos que non poden pagar, cun catálogo infinito de solucións inútiles para problemas inexistentes, laretadas baleiras, melodías inventadas, pequenas grandes ilusións e contos de impostor.

Tamén o venres se representará “Garavanciña. Contos con música” ás 18:00 horas na Praza de Abastos de Oia. Trátase dunha peza teatral coidada e visual que trae a maxia dos contos clásicos, unha divertida aventura de monicreques, cancións e narración oral interpretada por Bea Campos. Un espectáculo de teatro repleto de xogos tradicionais para romper cos roles de xénero e coñecer e valorar os contos clásicos.

O sábado, a partir das 20:00 horas, chega “Unha señora orquestra” ao Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces. A actriz Ailén Kendelman presenta unha proposta singular na que acciona varios instrumentos a través dun curioso sistema de mecanismos, cordas e roldas cos que interpreta con habilidade ritmos galegos, músicas do leste e folclore lationamericano.

Por último, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o domingo 18 de outubro ás 19:00 horas “Love está no aire”, de David Amor. Trátase dun espectáculo de 80 minutos onde os espectadores percorrerán toda a grella televisiva sen tocar o mando, descubrindo as razóns polas que a xente pasa sede nun aeroporto ou polas que David Amor nunca poderá ser Rafa Nadal.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse na actualidade en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.