A Deputación avanza que este venres aprobará 250.000 euros para que A Illa de Arousa e O Grove fagan melloras nas súas instalacións deportivas
O deputado provincial Javier Tourís visitou o edificio náutico deportivo da Illa, no que se investirán 105.000 €, e Marcos Guisasola o campo de fútbol Monte da Vila do Grove, que recibirá preto de 145.000 €, ambos no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
21/05/2026
Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola anunciaron este xoves que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno 250.000 euros para que os concellos da Illa de Arousa e O Grove poidan realizar melloras nas súas instalacións deportivas ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. En concreto, A Illa de Arousa contará con 105.000 € para as obras de rehabilitación, impermeabilización e mellora das instalacións do edificio náutico-deportivo, e O Grove con preto de 145.000 € para a mellora da área de xogo do campo de fútbol Monte da Vila. En ambos casos trátase da totalidade de recursos que estes concellos teñen á súa disposición no marco este plan, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
O deputado provincial Javier Tourís detallou que os 105.000 euros que recibirá A Illa de Arousa permitiranlle proceder á rehabilitación integral do edificio de usos náutico-deportivo situado no lugar do Bao, que presenta na actualidade un notable desgaste que fai necesaria unha intervención completa para garantir unhas condicións óptimas de seguridade, salubridade e funcionalidade para a práctica deportiva. As obras inclúen actuacións previas como o desmonte de elementos afectados, protección das zonas non intervidas, montaxe de estadas e medios auxiliares; a impermeabilización de cubertas transitables; o saneamento do selado de fiestras, que inclúe limpeza de carpinterías, retirada de selantes deteriorados e aplicación de novas xuntas de estanquidade; a reparación de fachadas; a rehabilitación da estrutura metálica da vela; a mecanización da persiana de entrada, ou, entre outras a reparación de interiores.
Pola súa parte, Guisasola explicou que a actuación do Grove, cun orzamento de preto de 145.000 euros, consiste na substitución do pavimento do céspede artificial existente no terreo de xogo do campo de fútbol de Monte da Vila, ao non superar o actual os parámetros mínimos de absorción de impactos, deformación vertical, bote e rodaxe de balón esixidos pola normativa vixente. En concreto, levaranse a cabo accións previas de desmonte e provisión do equipamento deportivo existente para a súa posterior reinstalación, un paso que inclúe tamén a revisión e limpeza dos canlóns perimetrais de drenaxe; procederase ao desmonte do céspede artificial mediante maquinaria especializada e instalarase o novo de última xeración.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Javier Tourís, mentres que Marcos Guisasola lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.
