A Deputación financiará integramente a mellora do campo de fútbol municipal Chan da Barcia de Ponte Caldelas, cun investimento de preto de 140.000 €

O deputado provincial Jorge Cubela visitou a instalación e anunciou que este venres se aprobarán recursos para acometer esta actuación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

14/04/2026

A Deputación financiará integramente a mellora do campo de fútbol municipal Chan da Barcia de Ponte Caldelas, cun investimento de preto de 140.000 €

O deputado provincial Jorge Cubela acaba de anunciar que a Deputación de Pontevedra financiará integramente a mellora do campo de fútbol municipal Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, cun investimento de preto de 140.000 €. Cubela adiantou que a Xunta de Goberno do organismo aprobará este venres unha achega de 110.000 euros ao concello para esta actuación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e que completará estes recursos con outros 26.000 € do Plan +Provincia 2026-2027.

Jorge Cubela explicou que a actuación prevista neste campo de fútbol inclúe a mellora do sistema de iluminación do terreo de xogo, a instalación dun sistema de megafonía e a reforma dunha bancada no lado leste do campo. Así, no relativo á iluminación o campo conta actualmente con 20 proxectores instalados en 3 torres, que se substituirán por novas luminarias led con 8 proxectores en cada unhas das torres (un total de 32). Ademais, dotarase ao recinto dun sistema de megafonía con altofalantes nas dúas bancadas, e na leste construiranse un novo chanzo e instalaranse dúas filas de asentos para aumentar a súa capacidade e comodidade.

Os 110.000 € que aprobará a Xunta de Goberno para Ponte Caldelas este venres trátanse da totalidade de recursos que a vila ten a súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes. Ao respecto, o deputado Jorge Cubela puxo en valor que “esta actuación en Ponte Caldelas alíñase á perfección con dúas das nosas prioridades no goberno provincial: o municipalismo e o deporte” e recordou que nos case tres anos de goberno á fronte da Deputación “levamos investidos 20 millóns de euros a través das tres edicións do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está a modernizar os equipamentos e dotacións deportivas municipais como nunca antes se fixera”.

Galerias de imagenes