A Deputación abre o luns as portas do convento de Santa Clara para a residencia artística do bailarín e coreógrafo Fran Martínez

O artista vigués comeza este luns a súa residencia para desenvolver o proxecto ‘Transfixión’, que se presentará ao público na Bienal de Artes Vivas que a Deputación de Pontevedra organiza en xullo

09/05/2026

A Deputación abre o luns as portas do convento de Santa Clara para a residencia artística do bailarín e coreógrafo Fran Martínez

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, acollerá a partir do luns no convento de Santa Clara a residencia artística do coreógrafo e bailarín Fran Martínez. Durante dez días, o artista galego aproveitará os espazos da igrexa e o coro baixo para desenvolver o seu proxecto ‘Transfixión’, que presentará dentro da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra o mércores 8 de xullo ás 19:00 h no coro da igrexa de Santa Clara.

Residencias Paraíso é un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas que chega este ano á súa décima edición. Está impulsado polo colectivo RPM e conta co financiamento da Xunta de Galicia e das institucións coprodutoras, entre elas a Deputación de Pontevedra. No programa de 2026 participan dez proxectos que se desenvolverán en diferentes lugares de Galicia.

‘Transfixión’, do bailarín e coreógrafo Fran Martínez, é unha peza sobre o facer e o misticismo de baixa intensidade. A través do ir e vir entre o dentro, escuro e introspectivo, e o fóra, visible e indescifrable, Martínez explora a espesura do movemento e da percepción, xerando un espazo onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética.

Esta proposta integrarase na Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, que reunirá 22 iniciativas de danza, música, circo e outras artes performativas. A residencia enmárcase no obxectivo da Deputación de converter Santa Clara nun espazo de produción artística, pensamento e experimentación cultural aberto á cidadanía, co impulso de iniciativas compatibles co proceso de rehabilitación do conxunto.

Galerias de imaxes