Luis López recoñece o traballo conxunto do Concello de Lalín, a Xunta e a Deputación para recuperar un edificio emblemático e impulsar o turismo no interior da provincia
O mandatario provincial, xunto co alcalde José Crespo e os conselleiros Román Rodríguez e José López Campos, participa na inauguración da Casa de Don Álvaro, unha obra na que o organismo provincial investiu preto de medio millón de euros
18/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o traballo conxunto do Concello de Lalín, a Xunta e a Administración provincial para a recuperación da Casa de Don Álvaro, un edificio emblemático localizado no centro urbano da capital do Deza. O mandatario provincial tomou parte nesta tarde de venres no acto de acto de inauguración desta renovada infraestrutura pública na que a Deputación aportou arredor de 480.000 euros a través da combinación dos plans +Provincia, para colaborar co Concello na adquisición do edificio; e do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da comarca do Deza, para establecer no baixo da casa unha oficina turística de atención ao peregrino.
“Neste proxecto que inauguramos hoxe coinciden criterios determinantes para que un proxecto saía adiante e que tamén son marca Lalín. Refírome a unha obra executada en tempo e forma, algo que cómpre salientar nestes tempos de crises de subministros, de man de obra ou de inflación; unha obra que é froito da colaboración entre tres administracións: Concello de Lalín, Xunta de Galicia e Deputación; e unha obra que impulsa un modelo de turismo que aposta, como facemos desde a Deputación, por un interior da provincia potente e atractivo, por un turismo descentralizado e por unha atención profesional e de calidade”, declarou o mandatario provincial.
A rehabilitación deste novo edificio é froito da colaboración a tres bandas entre a Deputación, o Concello de Lalín e a Xunta de Galicia. Por un lado, as administracións provincial e municipal cooperaron para a adquisición da titularidade dun inmoble valorado en 650.600 euros, dos que a Deputación achegou 162.600€ a través do Plan +Provincia. A reforma interior do inmoble, valorada en máis dun millón de euros, realizouse a través dun acordo entre o Concello e a Xunta. E, finalmente, a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da comarca do Deza, a Deputación inxectou outros 325.300 euros para a instalación dunha oficina de atención turística ao peregrino na planta baixa deste inmoble co obxectivo de ofrecer información sobre o Destino Turístico Rías Baixas ás persoas que chegan a Lalín. Construído no ano 1913 e dunha superficie de 220 metros cadrados distribuídas en tres alturas, este edificio acollerá, ademais da oficina de turismo, un museo permanente centrado no Cocido de Lalín, un espazo sociocultural e un xardín público.
“Un proxecto a tres bandas que permite poñer a disposición da veciñanza un dos grandes emblemas da arquitectura e da historia do centro urbano de Lalín e un espazo que tamén está a disposición dos visitantes, que cada ano son máis e chegan de todas as partes do mundo para descubrir os recunchos extraordinarios das Rías Baixas, que non se limitan á costa, chegan tamén ao interior”, salientou o mandatario provincial, quen tamén quixo poñer en valor o labor tanto do executivo autonómico como do goberno local liderado polo alcalde José Crespo. “Estas iniciativas son posibles porque no outro lado da mesa sempre hai unha persoa aberta ao diálogo, que ofrece solucións e que só pensa nunha cousa: mellorar as infraestruturas, os servizos e a calidade de vida da veciñanza de Lalín, vivan no centro ou nas parroquias”, remarcou López.
A colaboración da Deputación co Concello de Lalín non se limita unicamente á recuperación deste inmoble. No que vai de mandato, o goberno provincial ten mobilizados en Lalín máis de 9M€ para a mellora dos servizos e as infraestruturas municipais, como a adquisición de terreos na contorna do Lalín Arena, a construción dun edificio polivalente en Carragoso, a ampliación do auditorio de Vilatuxe ou a mellora dos equipamentos tanto no Lalín Arena como no pavillón municipal. Un compromiso que este ano se ve reflexado nos 4,4M€ a través de plans como o +Provincia, o PEID e o Plan Extra.