A Deputación rexistra o récord de traballos que optarán aos Premios Provinciais á Xuventude cando se cumpre unha década desde a súa posta en marcha
As categorías onde se rexistraron maiores subas son as de educación en valores (un 600% máis) e as de iniciativa xuvenil (250%), mentres que na de investigación presentáronse 20 candidaturas fronte ás 11 do ano anterior (82%)
03/09/2026
A Deputación de Pontevedra rexistrou este ano, por terceiro ano consecutivo, a maior cifra de traballos candidatos para participar nos Premios Provinciais á Xuventude. As 129 solicitudes que optarán este ano son un dato especialmente relevante, xa que este ano 2026 fai unha década desde a posta en marcha desta iniciativa que busca promover o talento e o potencial da xuventude da provincia de Pontevedra. Os 129 traballos presentados superan, deste xeito, os 111 de 2025 e os 100 de 2024 e este ano tamén se rexistrou a mellor marca de solicitudes dos dez anos de historia dos premios, con 194 preinscricións que superaron as 187 da convocatoria anterior. As mellores iniciativas impulsadas pola mocidade de entre as 129 candidaturas optarán este ano a un total de 36.000 euros.
As principais subas respecto ao ano anterior rexistráronse nas categorías de educación en valores (un 600% máis, pasando de 1 a 6) e iniciativa xuvenil (un 250% máis, das 2 do ano pasado ás 7 do presente ano). Tamén se rexistraron importantes incrementos nas categorías de investigación (un 82% máis desde as 11 do ano pasado ás 20 da actual edición), contido audiovisual (un 67%, de 3 a 5 candidaturas), traballo musical (un 44% máis, das 9 de 2025 ás 13 de 2026), banda deseñada (de 14 a 18, cun aumento dun 29%) e deseño e moda (un 25% máis, de 4 a 5).
Os X Premios Provinciais á Xuventude constan de once categorías coas que se busca estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Na categoría de iniciativas xuvenís (dirixida tamén a grupos informais ou asociacións estudantís e xuvenís) outorgaranse 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros, respectivamente, ao igual que en contido audiovisual, deseño e moda, banda deseñada, educación en valores (a esta categoría poderanse presentar os centros de educación secundaria e o premio só se poderá empregar para a adquisición de material, saídas educativas ou outras actividades relacionadas coa programación do centro) e iniciativas xuvenís dos concellos.
Ademais, 2.000 euros tamén se repartirán de igual forma en cada unha das dúas subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), nas dúas de traballo literario breve (narrativa e poesía) e nas dúas de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía). Ademais, a categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros, e cada unha dúas subcategorías de investigación tamén recibirá ese reparto: 4.000 € en tres premios para ciencias, arquitectura e enxeñaría, e outros 4.000 € en tres premios para artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas.
Como novidade, este ano os proxectos das categorías non anónimas puideron presentarse a través da Sede Electrónica (Iniciativas xuvenís, Iniciativa empresarial, Educación en valores, Investigación, Contido audiovisual e Iniciativas xuvenís dos concellos) mentres que, para garantir o anonimato, o resto dos traballos deberon presentarse fisicamente nun sobre pechado. Os proxectos gañadores serán seleccionados por un xurado composto por representantes da Deputación e por profesionais externos, cuxa composición pode consultarse no sitio web institucional, e serán entregados nunha gala pública a finais de ano.