A Deputación leva este domingo ata Cabo Udra, en Bueu, unha nova ruta ornitolóxica do programa provincial Voando nas Rías Baixas
Da man de SEO/BirdLife, a actividade, coas 25 prazas cubertas, permitirá gozar deste espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que se poden observar paxaros migratorios e aves mariñas
10/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata cabo Udra, no Concello de Bueu, unha nova ruta ornitolóxica do programa provincial Voando nas Rías Baixas na que participarán 25 persoas. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a cuarta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
En cabo Udra, na península do Morrazo, as persoas participantes poderán observar paxariños migratorios como o pedreiro cincento, aves residentes como o chasco europeo, o xílgaro europeo, o liñaceiro de bico escuro e a papuxa do mato, e algunha rapaz como o lagarteiro eurasiático e o bexato común. Mirando cara ao mar, pódense atopar especies mariñas como grupos de gaivotas, corvos mariños, carráns, o mascato boreal, pardelas e, con sorte, algunha palleira grande. Cabo Udra é un espazo protexido pola Rede Natura 2000 e un Contorno Mariño das Rías Baixas (IBA) formado por acantilados rochosos, con vistas cara á costa de Soavela, ás illas Cíes ou Ons.
Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará este ano coa ruta polo esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, pola desembocadura do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra) o 15 de novembro, e polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), que pecha os percorridos desta edición o 13 de decembro.
