Luis López confirma a aprobación de axudas por valor de 700.000 euros para case 600 clubs deportivos da provincia de Pontevedra que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal
“Seguimos demostrando que este é un Goberno de feitos e que o noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva, impulsar todas as modalidades e axudar aos clubs e federacións de todas as disciplinas”, remarcou o presidente provincial
14/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a concesión das axudas por valor de 700.000 euros, 50.000 euros máis que no 2025, para os clubs deportivos da provincia de Pontevedra que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal. “Seguimos –remarcou o presidente- demostrando que este é un Goberno de feitos e que o noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva, impulsar todas as modalidades e axudar aos clubs e federacións de todas as disciplinas”.
Dos 700.000 euros, 640.000 van dirixidos a 570 clubs deportivos de 60 concellos da provincia que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal durante este ano e reciben entre 220 e 3.000 euros cada un. Trátanse de entidades que representan diferentes modalidades deportivas como fútbol, fútbol sala, caza, bolos, bolos celtas, atletismo, fitness, salvamento e socorrismo, taekwondo, diferentes modalidades de ximnasia, tenis, voleibol, judo, pádel, xadrez, baloncesto, billar, voleibol, patinaxe artístico, muay thai, loita, kung fu, natación artística, automobilismo, colombofilia, ciclismo, pesca marítima, deporte adaptado, rugby, motociclismo, petanca, montañismo, boxeo, tenis de mesa, golf, balonmán, hípica, surf, bádminton, escalada, kick boxing, béisbol, fútbol gaélico ou aeronáutica, entre outros.
Os outros 60.000 euros van dirixidos a 13 clubs deportivos de 10 concellos da provincia de fútbol preferente, que reciben entre 3.000 e 6.000 euros. Neste caso, son entre os que se atopan o Club Cultural Deportivo Beluso, de Bueu; o Club Deportivo Lalín; o Club Deportivo Moaña; o Club Cultural de Areas, de Ponteareas; a Asociación Cultural Deportiva Unión Deportiva e o Porriño Industrial Fútbol Club, ambos do Porriño; o C.D. Choco, de Redondela; o Club Deportivo Portonovo e o Villalonga F.C., ambos de Sanxenxo; o TYDE F.C:, de Tui; o Club Deportivo Valladares e o Club Polideportivo Alertanavia, ambos de Vigo, e o Umia F.C., de Vilagarcía de Arousa.
