A Deputación destina preto de 40.000 euros a impulsar investigacións medioambientais lideradas pola Universidade de Vigo para o desenvolvemento da provincia

Seleccionaranse cinco estudos de persoal investigador dos campus de Pontevedra e Vigo da UVigo e cada proxecto recibirá unha achega económica valorada en preto de 8.000 euros

22/06/2026

A Deputación de Pontevedra destina preto de 40.000 euros a través dunha liña de axudas para a impulsar investigacións medioambientais lideradas pola Universidade de Vigo para o desenvolvemento social e económico da provincia. En liñas xerais, esta liña de axudas posibilitará o desenvolvemento de cinco proxectos de investigación, que contarán cunha achega económica de preto de 8.000 euros, liderados por persoal dos campus de Vigo e Pontevedra. Ademais, a convocatoria tamén busca contribuír a que os investigadores e investigadoras novos poidan poñer en marcha os seus propios proxectos.

Segundo recolle a convocatoria publicada pola Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, a través desta liña de axudas financiada pola Deputación de Pontevedra promoveranse iniciativas investigadoras relacionadas cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, así como aqueles que poidan contribuír ao proxecto de especialización Campus Crea. Deste xeito, ao programa poderán optar proxectos liderados por investigadores e investigadoras que non tiveran exercido previamente como investigador principal en ningún outro proxecto de carácter competitivo de ámbito local, autonómico estatal ou europeo.

As propostas deberán estar lideradas por doutores e doutoras cunha relación contractual coa UVigo de carácter laboral e non funcionarial, a tempo completo, que desenvolva o seu labor nos campus de Vigo ou Pontevedra. Do mesmo xeito, o resto do equipo investigador deberá estar integrado tamén por persoal destes dous campus, cunha relación contractual, funcionarial ou laboral, a tempo completo coa UVigo.

O prazo de presentación de solicitudes, que deben tramitarse a través da sede electrónica da UVigo, permanece aberto ata o 9 de xullo. Para a concesión das axudas, un tribunal avaliador no que estarán representadas Universidade e Deputación, terá en conta nas súas valoracións factores como o aliñamento da proposta coa liña de investigación da convocatoria, a súa viabilidade, o seu interese para a provincia ou o impacto de xénero positivo. Nese senso, a convocatoria busca tamén contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, de tal xeito que na concesión das axudas terase en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo. Ao mesmo tempo, buscará tamén potenciar a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros, así como entre persoal de distintas áreas de coñecemento.