A Deputación convoca un concurso escolar para sensibilizar sobre a importancia das traídas veciñais de auga no rural da provincia

O alumnado de infantil e primaria poderá presentar ata o 31 de marzo ao concurso A Viaxe de Gotiña murais, maquetas e bandas deseñadas cos que poderán obter visitas ás illas Cíes, tabletas de última xeración e lotes de material educativo e lúdico

16/12/2025

A Deputación de Pontevedra convoca A Viaxe de Gotiña, un concurso escolar co obxectivo de sensibilizar a rapazada sobre a importancia de manter e conservar as traídas de auga veciñais das zonas rurais. O alumnado de infantil e primaria dos centros escolares da provincia poderá presentar ata o próximo 31 de marzo os seus traballos en formato de murais, maquetas ou bandas deseñadas e poderá levar premios como tabletas, visitas ás illas Cíes ou material escolar.

A través do concurso A Viaxe de Gotiña a Deputación busca que o alumnado coñeza o desenvolvemento do ciclo da auga nestas zonas, desde o manancial ata as casas, pasando pola captación da auga, as infraestruturas principais, a súa xestión ou o control de calidade e o plan sanitario, que conseguen que esta sexa apta para o consumo humano e así previr enfermidades. Con esta iniciativa, búscase que sexan conscientes da importancia do ciclo da auga de consumo humano e da sostibilidade da súa xestión, especialmente nas traídas veciñais, un ben comunitario que se debe conservar para o futuro.

O alumnado de educación infantil deberá presentar os seus traballos na modalidade de mural, mentres que o de educación primaria poderá optar entre outros dous formatos: maquetas ou cómics. Os traballos deberán conter o desenvolvemento completo do ciclo da auga, e cada centro poderá presentar unha soa candidatura por categoría e disciplina que reflexe o traballo en equipo. Toda a documentación, que se pode consultar no sitio web da Deputación, enviarase a concursoescolarauga@depo.gal.

Os premios entregaranse nun acto público na Deputación de Pontevedra e repártense do seguinte xeito: para a categoría de mural, establécese un premio consistente nunha tableta de última xeración, o segundo premio será un lote de xogos educativos Montessori e o terceiro un lote de material escolar. Nas categorías de maqueta e de banda deseñada, os primeiros premios serán 25 bonos de visita ás illas Cíes, os segundos premios unha tableta de última xeración e os terceiros cadanseu lote de material escolar. Ademais, os traballos de maqueta e banda deseñada serán expostos nas instalacións da Deputación, mentres que os murais poderán visitarse nos centros de ensino nas condicións que estes establezan.

A Viaxe de Gotiña busca concienciar o colectivo escolar sobre o importante que é para toda a sociedade a xestión responsable da auga para satisfacer as necesidades actuais de consumo sen comprometer as das futuras xeracións, e sobre a relevancia das traídas de auga veciñais como un ben comunitario que se debe conservar con vistas ao futuro.