A Deputación adxudica as obras de mellora da travesía da Ermida, en Arbo, por máis de 290.000 €
A Deputación investirá na mellora da drenaxe nun treito de 410 metros da EP-5003 para arranxar os problemas de seguridade que se adoitan xerar durante o inverno
07/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres o visto bo da Xunta de Goberno provincial á adxudicación das obras na travesía da Ermida, na parroquia de Mourentán de Arbo, por un valor superior aos 290.000 €. O presidente lembrou que a actuación abrangue un treito de 410 metros da EP-5003, que une os concellos de Arbo e A Caniza.
Os traballos consistirán principalmente na mellora do sistema de drenaxe, e buscan arranxar os problemas de seguridade que se xeran con maior intensidade no inverno xa que esta infraestrutura conta con diferentes tipos de tubos de pluviais, moitos deles atascados. Trala demolición das beirarrúas realizarase a instalación de novas tubaxes de condución das augas pluviais, pozos e sumidoiros, e tamén se reporán arquetas e se instalará un novo bordo de formigón, solucionando os problemas de fugas que se dan na actualidade.
A actuación completarase coa canalización soterrada do alumeado público, a realización de cimentacións para a instalación de luminarias, e tamén se pavimentarán as beirarrúas con formigón coloreado, así como se procederá á renovación do firme da vía. Finalmente reporase a sinalización horizontal e melloraranse os sinais verticais.
1 millón de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
A adxudicación das obras na EP-5003 aprobada na sesión da Xunta de Goberno desta semana súmase á dos traballos que se realizarán na EP-0403, en Cerdedo Cotobade, cunha inxección de máis dun millón de euros entre as dúas. “Seguimos mobilizando recursos como nunca antes se vira para manter as nosas infraestruturas nas mellores condicións”, sinalou o presidente da Deputación.
