A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas ao deporte de alto nivel e ao talento deportivo

Esta liña de axudas distribuirá recursos que oscilan entre os 575 e os 3.300 euros para os deportistas de alto nivel e promesas. O prazo de solicitude das axudas permanecerá operativo ata o 23 de xullo 

 

28/06/2026

A Deputación de Pontevedra ten aberto xa o prazo para solicitar as axudas dirixidas ao deporte de alto nivel e ao talento deportivo, que este año teñen incrementado os recursos un 20% ao pasar dos 405.000 euros aos 500.000 euros do 2026. O prazo de solicitude destas axudas estará operativo ata o 23 de xullo e distribuirá recursos que oscilan entre os 575 e os 3.300 euros para os deportistas de alto nivel e promesas do deporte. 

As axudas DEPO_DAN e DEPO_DAN+ (discapacidade física, intelectual ou visual) van dirixidas a deportistas, adestradores ou xuíces e árbitros nados ou empadroados na provincia de Pontevedra co recoñecemento de alto nivel de Galicia ou de España. Pola súa banda, as axudas DEPO_TALENTO beneficiarán aos deportistas nados entre 2009 e 2014 que teñan acadado algunha das tres primeiras posicións en campionatos de España ou participasen en campionatos de Europa ou do mundo. 

No primeiro caso, DEPO_DAN,  as axudas serán de entre 600 e 2.400 euros segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así obterán 2.400 os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 1.500 os que conseguiron o 4º posto en copas do mundo ou os tres primeiros en campionatos de Europa; 1.080 € os que alcanzaron o 4º posto en copas de Europa ou os tres primeiros en campionatos de España e 600 os que obtiveron o 4º posto na copa de España ou os tres primeiros na de Galicia.

Pola súa banda, na modalidade DEPO_DAN+, para deportistas de alto nivel con discapacidade física, intelectual ou visual, as axudas oscilarán entre os 1.100 e os 3.300 segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así, obterán 3.300 € os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 2.200 € os que alcanzaron o 4º posto en copas do mundo ou algún dos tres primeiros en campionatos de Europa; 1.650 € se conseguiron o 4º posto en campionatos de Europa ou algún dos tres primeiros en campionatos de España; e 1.100 se obtiveron o 4º posto en probas de España ou os tres primeiros en copas galegas.

No caso de DEPO_TALENTO, as axudas abranguerán entre os 575 e os 1.380 euros en función dos resultados da xoves promesas en copas do mundo, de Europa ou de España: 1.380 € serán para os que alcanzaron os tres primeiros postos en copas do mundo;  920 € para os que obtiveron o 4º posto en copas do mundo ou os tres primeiros en campionatos de Europa e 575 e para os que conseguiron o 4º posto en campionatos de Europa ou os tres primeiros en probas de España. 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.