#DEPORTE
DEPO_DAN e DEPO_DAN+ e DEPO_TALENTO
Subvencións a deportistas de elite e promesas
O deporte de alto nivel é unha práctica de grande interese polos valores que promove na sociedade, coma o esforzo, a disciplina, o traballo en equipo e a responsabilidade. Ademais, constitúe un factor esencial no desenvolvemento deportivo xeral e un estímulo fundamental para fomentar o deporte de base. Ademais, está estreitamente ligado á función representativa de España en competicións deportivas oficiais de carácter internacional e, polo tanto, serve para situar a provincia como parte activa desa representación, no ámbito deportivo global.
As e os deportistas de alto rendemento dedícanlle plenamente o seu tempo e enerxía a esta actividade, desenvolvendo atributos profesionais e persoais que transcenden o ámbito deportivo. Con todo, as esixencias de adestramentos intensivos, concentracións, competicións e continuos desprazamentos poden dificultar a conciliación con outras carreiras profesionais complementarias.
Consciente destas necesidades e co firme propósito de ofrecer o apoio necesario para que ningún talento da provincia quede freado, a Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso co deporte de alto nivel, considerado un dos alicerces estratéxicos da súa xestión. Por iso, amplía o seu apoio a través desta liña de axudas, co obxectivo de contribuír ao financiamento da actividade competitiva e á preparación técnica das e dos deportistas destacados da provincia que cumpran os requisitos establecidos.
Este apoio reforza a aposta provincial polo deporte como motor social, económico e de representación internacional e consolida Pontevedra como a provincia do deporte e como un referente no impulso ao talento deportivo.