A Deputación continúa o vindeiro 27 de setembro nas Neves coa nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027

A xornada terá lugar no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé a partir das 16:30 horas e incluirá actividades formativas e lúdicas para toda a veciñanza

21/09/2026

A Deputación de Pontevedra levará ata As Neves a que será a terceira xornada de convivencia do programa +Convivir do período 2026/2027, tralo seu paso por Cangas de Morrazo e Poio. A cita terá lugar o próximo domingo 27 de setembro, a partir das 16:30 horas, no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, ata onde se desprazarán centos de persoas procedentes do movemento asociativo e veciñal da vila.

+Convivir trátase dunha iniciativa provincial para tecer lazos e crear espazos de encontro, así como avanzar no fortalecemento das relacións entre a Deputación de Pontevedra e o movemento asociativo e veciñal da provincia. Deste xeito, nas Neves terá lugar un obradoiro sobre o alzheimer a cargo de AFAGA, outro de nutrición da man de Manuel Viso, unha actividade de bailes de salón con Breogán Pérez e rematará cunha merenda dinamizada cun DJ.

Entre este ano e o próximo +Convivir chegará a arredor dunha trintena de concellos despois de concentrar a máis de 10.000 persoas nas dúas anteriores edicións. Ademais das Neves, Cangas de Morrazo e Poio, onde se celebrará a xornada este sábado 26 de setembro, está previsto que este ano o programa chegue a Marín, Agolada, Rodeiro, Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga.