A Deputación pon en marcha a segunda edición das xornadas O oficio de producir, para divulgar a realidade do sector audiovisual galego entre o alumnado da provincia
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), chegará a Agolada, Baiona, Ponteareas, O Campo Lameiro, Marín e A Lama
10/05/2026
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a segunda edición das xornadas educativas O oficio de producir, desenvolvidas en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) para achegar ao alumnado de seis concellos da provincia a realidade do sector audiovisual galego. A iniciativa chegará nas próximas semanas ao alumnado de Agolada, Baiona, Ponteareas, O Campo Lameiro, Marín e A Lama da man de seis profesionais do sector.
As xornadas comezarán o 12 de maio no CEIP de Agolada, con Javier Lopa, de Undodez, responsable de producións como ‘Pipo’, ‘Bibopalula’ ou ‘O novo son da regueifa’. O xoves 14 de maio será a quenda do CEIP Plurilingüe de Belesar (Baiona), que recibirá a Bea Villar da produtora Brava, responsable de contido web de gran impacto como ‘Pringadas’, ‘Raíña-me’ ou ‘O videoclub’. O martes 19 de maio no Auditorio Reveriano Soutullo o alumnado de diferentes centros de Ponteareas poderá escoitar á produtora Silvia Fuentes, de Sétima, responsable de producións como ‘As liñas descontinuas’ ou ‘Cando toco un animal’.
Pola súa banda, Simone Saibene, fundador de Novelas Producciones, docente e crítico será o encargado de achegar o oficio de producir ao CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de O Campo Lameiro o martes 26 de maio. Xa en xuño o día 2 o CEIP Sequelo-Marín recibirá á cineasta, guionista e produtora Irene Pin, fundadora da produtora Aqueladas. As xornadas concluirán o xoves 4 de xuño no CEIP A Lama, da man do produtor Diego Aballe, de Coven Films.
Nesta segunda edición, o programa mantén o seu compromiso de ofrecer aos centros de ensino da provincia a oportunidade de establecer un contacto directo cos axentes do sector. Os produtores compartirán a súa experiencia e vivencias relacionadas co oficio de producir, desde a idea ata a rodaxe e posterior distribución dos contidos, tanto para televisión como para cinema O obxectivo é profesionalizar a visión que o alumnado ten do sector, fomentando o respecto pola creación cultural e o coñecemento deste oficio.