Luis López salienta o impulso á cultura, á gastronomía e ao turismo que recibe a provincia grazas a festas gastronómicas como a do Caldo Galego de Mourente

O salón de plenos do Pazo provincial acolle a cerimonia de imposición de capas ás novas donas e cabaleiros da Orde do Caldo de Mourente: Javier Tourís, Silvia Iglesias Casas, Eva Blanco Romero, Diego Iglesias López e Javier Acuña Núñez

07/03/2026

Luis López salienta o impulso á cultura, á gastronomía e ao turismo que recibe a provincia grazas a festas gastronómicas como a do Caldo Galego de Mourente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso á cultura, á gastronomía e ao turismo que recibe a provincia grazas a celebracións de eventos como a festa do Calgo Galego de Mourente, que celebrou no salón de plenos do Pazo provincial a súa tradicional cerimonia anual de imposición de capas aos novos donos e Cabaleiros da Orde do Caldo Galego con motivo da celebración da súa trixésimo cuarta edición. “É unha festa gastronómica que fala moito e moi ben de nós: Fala dos lazos que nos unen como pobo, fala da calidade da nosa gastronomía e, por suposto, fala de cultura e tradicións con maiúsculas”, subliñou o mandatario provincial.

O acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo provincial serviu para nomear a cinco novos donas e cabaleiros desta Orde: Silvia Iglesias Casas, Eva Blanco Romero, Diego Iglesias López, Javier Acuña Núñez e o deputado provincial responsable do servizo de Acción Comunitaria, Javier Tourís Romero. Uns nomeamentos polos que o presidente provincial expresou o “máximo recoñecemento”.

“Se o Caldo Galego de Mourente é unha referencia para a provincia a nivel cultural, a nivel gastronómico, a nivel turístico e a nivel social é porque detrás desta festa hai moito traballo e moito compromiso”, enxalzou o dirixente provincial antes de felicitar a todas as persoas que levan tantos anos dando forma a esta emblemática celebración. “En primeiro lugar, a toda a familia que compón a Orde do Caldo Galego de Mourente e da Asociación de Veciños O Castro de Mourente, ás novas donas e novos cabaleiros da Orde do Caldo de Mourente e, aproveitando que estamos en vésperas do Día Internacional da Muller, quero lembrarme tamén das nosas avoas, nais, irmás, bisavoas ou fillas que mantiveron e manteñen viva esta receita ancestral que cada domingo alimentaban non só estes corpos, senón a nosa cultura e a nosa identidade”.

Antes de poñer rumbo cara o santuario da Virxe Peregrina, o presidente Luis López puxo en valor a achega desta cita á cultura e ao turismo na cidade e na provincia de Pontevedra. “Nunha provincia e nunha cidade que coida, protexe e potencia tanto a cultura en todas as súas formas, non pode faltar cada ano esta celebración. Esta é a cidade que celebra a Bienal de Arte máis antiga de España, a cidade que acolle unha referencia cultural a nivel nacional como e Museo de Pontevedra e a cidade que potencia tamén a cultura da cociña tradicional con 34 edicións da Festa do Caldo Galego”, recoñeceu o presidente provincial antes de concluír desexando “longa vida á Festa do Caldo Galego de Mourente” e convidar a todo o mundo a participar na festa porque “co caldo galego ocorre o mesmo que coas Rías Baixas, quen proba, repite”.

Finalmente, o mandatario provincial equiparou o destino turístico Rías Baixas, co caldo de Mourente: “como ocorre con todas as persoas que visitan as Rías Baixas, co Caldo Galego de Mourente tamén é inevitable repetir”, concluíu Luis López.

Galerias de imaxes