A Deputación leva este venres ao Grove o circuíto +Escénicas cun espectáculo infantil de maxia como parte da programación de Nadal
A Deputación leva este venres ao Grove o circuíto +Escénicas cun espectáculo infantil de maxia como parte da programación de Nadal
22/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello do Grove da man dun espectáculo de maxia para nenos e nenas a cargo do Mago Paco, como parte da programación de Nadal. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“A maxia do Nadal”, que terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ás 17:30 horas, inclúe desaparicións e aparicións incribles, ademais de moitas risas, para demostrar que chegan os días máis máxicos do ano. Francisco Otero "O Mago Paco" é un mago especialista en maxia para cativos e cativas. O seu traballo como animador infantil levouno ao recurso da maxia e, a partir dese momento, tanto esta como o teatro dirixiron a súa traxectoria laboral e artística ata converterse no profesional que é hoxe en día.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.