A Deputación leva este venres a Poio o circuíto +Escénicas cunha obra de teatro familiar e musical

“Aldea Musical de Nadal”, de Nelson Quinteiro, representarase ás 18:00 horas na carpa de Nadal da Seca

22/12/2025

A Deputación de Pontevedra leva este venres 26 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Poio da man da obra de teatro “Aldea Musical de Nadal”, a cargo de Nelson Quinteiro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Aldea Musical de Nadal”, que se representará na carpa de Nadal da Seca ás 18:00 horas, é unha actividade con percusión corporal e elementos como axóuxeres, campás e un feixe de instrumentos. Os habitantes da Aldea Musical de Nadal contarán como é a súa vida nun lugar máxico e sorprendente onde sempre é Nadal. O arranxo polifónico das voces, a instrumentación, a súa caracterización e mais o emprego dunha fórmula de creación do espectáculo baseada na musicoterapia educativa leva a Poio unha montaxe entrañable e tenra para as datas de Nadal.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.