A Deputación leva ata A Guarda a exposición fotográfica que conmemora os 40 anos do Descenso do Miño
A mostra O río que nos move será inaugurada o xoves 12 de novembro ás 19:00 horas cun coloquio na Casa dos Alonso
06/11/2026
A Deputación de Pontevedra, da man da Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño, inaugurará cun coloquio este xoves 12 de novembro ás 19:00 horas na Casa dos Alonso da Guarda a exposición fotográfica O río que nos move. A mostra conmemora as catro décadas desde que cinco mozos do Baixo Miño percorreran os 317 quilómetros do río Miño en canoas construídas por eles mesmos.
Este proxecto expositivo da Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño forma parte dun ciclo de exposicións que se están a levar a cabo nun total de oito concellos do curso do gran río por toda Galicia (Meira, Lugo, Portomarín, Ourense, Castrelo de Miño e, dentro da provincia de Pontevedra, O Rosal, Tui e A Guarda). A mostra está composta por 99 fotografías tomadas en 1985 polo grupo de cinco mozos do Baixo Miño, de entre 21 e 23 anos, que decidiron descender a totalidade do Miño sen equipo de apoio e en canoas construídas por eles mesmos, algo que ninguén fixera antes. Ademais das fotografías tamén se poderá ver a restauración dunha das canoas utilizadas no descenso, recuperada dunha palleira, xunto cos chalecos e remos.
Pasados corenta anos a Deputación e a Asociación traen ao presente esta aventura coa exposición, pero tamén con coloquios e debates para reflexionar sobre o estado do río e o potencial inmenso que ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do pai Miño é a gran ruta por descubrir: O Miño tamén é camiño. A mostra na Guarda é a última parada da exposición na provincia de Pontevedra, tras visitar os concellos de Tui e O Rosal.