A Deputación destina 120.000 € á mocidade da provincia para poñer en marcha iniciativas de interese social a través do Plan +Xuventude
Luis López: “Queremos contribuír a que as mozas e mozos desta provincia poñan en marcha proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan á formación en valores e á consecución de hábitos saudables”
30/01/2026
A Deputación de Pontevedra destina 120.000 € á mocidade da provincia para poñer en marcha iniciativas de interese social a través do Plan +Xuventude. “Queremos -asegurou o presidente provincial Luis López- contribuír a que as mozas e mozos desta provincia poñan en marcha proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan á formación en valores e á consecución de hábitos saudables”.
“Sentímonos moi orgullosos desta liña de axudas que non para de medrar -remarcou o presidente-, que pasou de destinar 77.000 € a 17 asociacións na súa primeira edición, ás 22 entidades beneficiarias o pasado ano, con máis de 100.000 € distribuídos”. Neste eido, López recordou que o Plan +Xuventude está aberto a asociacións xuvenís e grupos formados por ata 8 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos.
O organismo provincial destinará ata un máximo de 5.000 euros por proxecto presentado, sempre que estea relacionado coa saúde, o benestar e a prevención de riscos; coa cultura, a ciencia e a innovación, coa participación xuvenil, o asociacionismo e o voluntariado; co desenvolvemento rural e o reto demográfico; e coa protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. O presidente informou que o prazo de presentación de solicitudes para optar aos recursos do Plan +Xuventude permanecerá aberto entre o 16 de febreiro e o 13 de marzo e que cos recursos provinciais subvencionaranse gastos asociados aos proxectos.
