A Deputación de Pontevedra atopa un segundo cerebro saponificado nas escavacións do convento de Santa Clara en Pontevedra
Ao igual que o primeiro, apareceu no coro baixo e tamén estaría datado entre os séculos XVI e XIX, o que o reforza a excepcionalidade da escavación
18/09/2026
As escavacións que a Deputación de Pontevedra está a realizar no convento de Santa Clara volveron arroxar hoxe unha nova sorpresa. Nun dos tres enterramentos que se escavaron no coro baixo identificouse un novo cerebro saponificado, que se une ao localizado anteriormente noutro enterramento no mesmo lugar. Ao igual que aquel, pola súa localización estaría datado entre o século XVI e o XIX, en todo caso anterior a última reforma nese punto, que se fixo en 1915.
O cerebro saponificado foi extraído polo equipo arqueolóxico de A Citania, empresa encargada do proxecto arqueolóxico que se está a desenvolver en Santa Clara. Agora será enviado á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela para a súa conservación e posterior estudo histolóxico, no que se analizarán a composición, estrutura e características do cerebro.
No coro baixo escavouse unha zona na que apareceron tres tumbas completas. Deses tres corpos case non se conservan restos óseos, pero si varios tecidos, tanto humanos como téxtiles. Dous dos corpos conservaban os cerebros saponificados. A saponificación dun cerebro é un proceso pouco habitual, que pode producirse en ambientes húmidos grazas á alta proporción de graxa do cerebro, pero é moi raro a nivel mundial. Non se coñece a datación exacta, pero estímase que se situaría entre os séculos XVI e XIX e con toda seguridade anterior á última reforma ocorrida neste espazo, en 1915. Estes dous serían os primeiros casos documentados destas características e datas na península ibérica, onde os cerebros saponificados aparecidos ata agora son de datas posteriores.
Outros achados
Este novo achado súmase a outros atopados nas escavacións que se veñen desenvolvendo no convento desde o mes de xullo, e das que o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, deu conta nunha rolda de prensa este mesmo luns. Ademais do outro cerebro conservado, diante do altar maior da igrexa apareceron varios enterramentos, entre eles unha figura eclesiástica masculina que podería ser de época moderna (séculos XVI a XVIII) e que conserva os zapatos e unha casula case íntegra. A aparición de téxtiles en contextos arqueolóxicos en Galicia é algo escaso, con moi poucos precedentes. Hai outras dúas tumbas escavadas nesa zona e dúas máis, neste caso de infantes ou infantas, nun lateral, cerca do altar da Virxe dos Desamparados.
Xa no exterior, no bosque documentouse unha estrutura rectangular nova ao sur do muro que xa aparecera previamente nesta mesa escavación. Parece que podería tratarse dun dos elementos estruturais máis antigos do recinto, con materiais asociados de finais do século XIV, quizais unha estrutura anterior ou coetánea ao inicio da construción do convento, e da que aínda non se coñece a funcionalidade.
No que respecta ao claustro, no punto onde se documentou unha rampla da que se descoñecía a súa funcionalidade nin uso, procedeuse a seguir traballando segundo os criterios dos técnicos da Dirección xeral de Patrimonio, e debaixo documentouse un cadáver, reforzando a idea da existencia de tres alas do claustro nun momento inicial.
