Xoguetes

Campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos

A igualdade entre mulleres e homes constitúe unha das principais liñas estratéxicas deste mandato na Deputación de Pontevedra. Por iso, coa inminente chegada das compras do Nadal, cremos que é o momento idóneo para invitar á reflexión sobre a adquisición dos xogos, xoguetes, libros ou videoxogos, entre outros, que mercamos para as nosas cativas e cativos.

A través deles as nenas e os nenos poden imaxinar o seu futuro; un mundo no que todas as persoas son capaces de desempeñar distintas profesións e gozar do coidado da súa familia, independentemente de que sexan mulleres ou homes.

Non se trata de forzalos a xogar cos xoguetes que non lles gustan, pero tampouco impedirlles facelo con aqueles atribuídos pola sociedade ao outro sexo. Existen estereotipos que impiden o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades que non se corresponden coa realidade. Cunha boa elección axudaremos a desmontar mitos coma o de que as nenas son máis sensibles e os nenos máis áxiles e fortes. Ademais de seleccionar os xoguetes en función da súa idade, temos que ler devagar as etiquetas coas indicacións de seguridade, montaxe e uso para comprobar o seu funcionamento antes de poñelos nas súas mans, así como as homologacións pertinentes e que estes sexan respectuosos co medio. Con todo, debemos ter en conta outros aspectos se o que queremos facer é unha boa adquisición.

A publicidade e a sociedade márcannos a imaxe e o emprego que debe facerse dos xoguetes infantís. Moitas veces estes estereotipos non reflicten a nosa realidade. Na nosa man está o cambio. Aínda que non poidamos controlar a utilización destes xoguetes polo resto da sociedade nin as mensaxes publicitarias, si somos responsables da educación das nosas rapazas e rapaces. Esta educación é a ferramenta que nos axudará a dar un xiro e conseguir o cambio tan ansiado no pensamento colectivo. Compartamos imaxinación e tempo de xogo; o noso afecto, atención e apoio é o que máis desexan.

Decálogo para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos

  • Nenas=nenos

    Nenas=nenos

    O xogo debe ser libre e espontáneo. Non existen xoguetes de nenas ou de nenos. Evitemos transmitir esa idea

  • Rosa e azul

    Rosa e azul

    Non hai cores de nenas nin cores de nenos. Só son etiquetas sociais que limitan a creatividade

  • Somos iguais desde a diferenza

    Somos iguais desde a diferenza

    Intenta elixir xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa

  • Eduquemos xogando

    Eduquemos xogando

    Escolle con acerto, tendo en conta que sexan xoguetes seguros, adaptados ao nivel de madurez da persoa e libres de prexuízos sexistas, racistas e xenófobos

  • Queremos un mundo libre e igualitario

    Queremos un mundo libre e igualitario

    Compra xoguetes que faciliten a cooperación entre as nenas e os nenos, compartindo espazos tanto públicos coma domésticos

  • Regala xoguetes que axuden a promover todas as capacidades e habilidades persoais

    Regala xoguetes que axuden a promover todas as capacidades e habilidades persoais

    Para posibilitar tanto o xogo tranquilo coma o que requira actividade física

  • O importante é participar

    O importante é participar

    Procura que os xogos e xoguetes favorezan a axuda e a cooperación entre iguais e non a rivalidade

  • Non á violencia

    Non á violencia

    Evita xogos, xoguetes e videoxogos que potencien a violencia. Así educarás para resolver problemas de forma positiva, construtiva e creativa

  • Todas e todos presentes

    Todas e todos presentes

    Busca libros, xogos, videoxogos e xoguetes nos que se nomeen e estean presentes as nenas e os nenos

  • Divirtámonos

    Divirtámonos

    Elixe xoguetes que sexan divertidos, estimulen a curiosidade e o interese por investigar e descubrir. Comparte imaxinación e tempo con elas e eles; o teu afecto e apoio é o que máis desexan

Última modificación: luns, 14 decembro 2015