Últimos días para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “A expresión da cor” de Juan Codesido

A mostra do artista ferrolán poderá visitarse ata o 30 de decembro na sede de Turismo Rías Baixas

23/12/2023

A mostra “A expresión da cor”, do artista ferrolán Juan Codesido, que a Deputación de Pontevedra ten instalada no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, poderase visitar ata o vindeiro sábado, 30 de decembro. Trátase dunha exposición integrada por pezas cheas de forza, que buscan transmitir expresións desde unha perspectiva de liberdade e orixinalidade.

“A expresión da cor” é unha viaxe polas formas xeradas por Codesido, o artista que para chegar á expresión emprega a cor como xeradora de formas. Trátase dunha exposición moderna, difícil de encadrar dentro dos estilos pictóricos contemporáneos, na que a destaca a forza das cores puras en contraste. Predominan pezas de abstracción pura, xerada por distintos tipos de técnicas para buscar, en todo momento, a conexión coa parte inmaterial do ser por medio das emocións. Por outra banda, “A expresión da cor” tamén presenta unha liña de creación figurativa a través da cal o artista busca a expresión en animais e plasmar circunstancias humanas e sociais.

O vínculo de Juan Codesido co mar e co rural dótao dunha privilexiada visión da cor e da expresión da natureza galega. A súa paixón polo expresionismo levouno a cursar accións formativas no MOMA de Nova York e presenta múltiples influencias de artistas como Matisse, Picasso, Guerrero, Richter, Kandinsky, Lee Kranser, Pollock ou Kline. No seu estilo destacan as cores básicas e a forza da súa pintura, na que prevalece a abstracción.

“A expresión da cor” pode visitarse ata final deste ano 2023 no Palacete das Mendoza, de luns a venres de 9 a 20 horas, sábados e festivos de 10 a 14 e de 16 a 19 horas e o domingo de 10 a 14 horas. A sede de Turismo Rías Baixas permanecerá pechada os días 24, 25 e 31 de decembro.