25N 2026
25N 2026 - Deputación de Pontevedra

VELO NON CHEGA. ACTÚA.

Da sensibilización á acción · Un paso adiante contra a violencia machista

#Bloquea a violencia. Denuncia o machismo
ESCOITAR VER ACTUAR

Fronte á violencia de xénero, bloquea. ✊

A violencia contra as mulleres tamén se esconde detrás das pantallas. O ciberacoso, a difusión de imaxes sen consentimento, as ameazas e o control dixital son violencia real con consecuencias reais para as nenas e as mulleres.

Na contorna virtual, o teu papel é clave:

Non compartas

Corta as cadeas de odio ou contido íntimo.

SE TE CHEGA, BÓRRAO. #BLOQUEA
Non cales

Se ves acoso nunha rede social ou nun grupo de mensaxería,

POSICIÓNATE.
Informa e denuncia

Utiliza as ferramentas das plataformas e

APOIA A VÍTIMA.

A MIÑA PANTALLA, AS MIÑAS NORMAS. #BLOQUEA

Fagamos de internet un espazo seguro, libre e de respecto para todas.

Bloquea a violencia. Denuncia o machismo. Por unhas redes libres e seguras para todas.


Da sensibilización á acción

Desde hai máis de dúas décadas, o 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta data debe animar a toda a sociedade a romper co silencio cómplice e visibilizar que calquera tipo de violencia sobre a muller supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos, non só das mulleres, senón tamén das súas fillas e fillos, vítimas directas.

Un ano máis, desde a Deputación de Pontevedra poñemos en marcha unha acción de sensibilización para visibilizar, rexeitar e combater as diferentes dimensións das violencias machistas, poñer en valor o traballo realizado e dar conta da implicación da sociedade da nosa provincia.

A proposta para este 2026 non parte de cero, continúa unha liña institucional construída nos últimos anos e propón dar un paso máis. En 2024 a Deputación convidou a romper o silencio e escoitar o cambio, en 2025 vemos e identificamos o machismo e en 2026 é a hora de posicionarse fronte a el e actuar.

VELO NON CHEGA. ACTÚA.

#Bloquea a violencia. Bloquea o machismo

ACTUAR significa transformar a sensibilización teórica en accións prácticas, esixibles e medibles. É interpelar toda a sociedade. Poñer o foco nas pequenas accións individuais e na responsabilidade colectiva é clave para erradicar a violencia exercida sobre as mulleres polo simple feito de selo.

Desde os nosos programas e iniciativas realizadas en todo o territorio buscamos a corresponsabilidade social nesta loita cunha actitude activa.

Na Deputación de Pontevedra estamos alerta fronte a novas ameazas. Temos a firme convicción de que para erradicar as violencias machistas precisamos algo máis ca un slogan, unha imaxe ou un compromiso formal.

Estar alerta significa analizar a nosa sociedade desde unha perspectiva feminista que nos permita poñer o foco en novas realidades e violencias que perpetúan o machismo e combater os actuais discursos dixitais, protexer as mulleres e as menores fronte ás violencias que se exercen a través de móbiles, redes sociais e plataformas dixitais. A violencia machista tamén ten lugar nas contornas virtuais, polo que é fundamental previr, detectar e actuar. O anonimato, a velocidade e a facilidade de difusión son un cóctel que favorece a creación e a amplificación destas novas formas de abuso contras as mulleres.

Os datos amosan que a maior parte da violencia dixital lles afecta a adolescentes e mozas. O control dixital, o ciberacoso, a creación de ultrafalsos (deepfakes) e a difusión de imaxes íntimas sen consentimento son accións cada vez máis habituais no día a día das mulleres. Poñer en marcha mecanismos que ofrecan protección inmediata e eviten ir máis aló é un dos focos na loita contra a violencia machista. Para iso, é fundamental promover a coeducación como a ferramenta máis efectiva, dado que nos permite previr, mudar conciencias e soster os avances nesta loita a longo prazo.

Os concellos son as administracións máis próximas á cidadanía. Esta proximidade sitúaos na primeira liña, non só da detección, senón tamén da intervención. Consciente disto, a Deputación de Pontevedra pon en marcha unha extensa programación en todo o territorio e, ademais, ofrece apoio técnico especializado e dota partidas específicas para realizar políticas de igualdade promovidas por cada un dos concellos atendendo ás súas necesidades. Estes fondos destínanse a atender directamente as mulleres e tamén aseguran que se tomen medidas para erradicar esta violencia a longo prazo. A distribución de axudas segundo criterios de poboación e necesidades técnicas garante que non sexan fondos finalistas difusos, senón vinculados a plans de igualdade locais. O urbanismo, a cultura ou o acceso a recursos son políticas locais que aseguran espazos seguros e territorios igualitarios.

As alianzas entre as administracións e o tecido social son cruciais. Só a través do traballo conxunto coas asociacións de mulleres, cos colectivos veciñais, coa comunidade educativa e cos axentes económicos poderemos tecer unha rede de protección real, eficaz e sen fendas.

A loita contra a violencia de xénero non é unha cuestión de partidos nin de ideoloxías; é un mandato democrático que esixe a implicación unánime de cada sector e de cada persoa que habita a nosa provincia.

Neste 25 de novembro, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso inequívoco de seguir liderando políticas activas de igualdade de oportunidades. Por iso, facemos un chamamento ao compromiso individual e á acción colectiva. Erradicar a violencia machista non é unha utopía, é unha urxencia social que require do esforzo diario de todas e todos. É o momento de pasar das palabras aos feitos, de protexer as nosas mozas e adolescentes tanto nas rúas coma nas contornas dixitais e de construír concellos onde a liberdade e a seguridade das mulleres non sexan unha excepción, senón a norma.

Fronte ao machismo, a indiferenza non é unha opción. É hora de comprometerse, de vixiar, de previr e de ACTUAR.

#Bloquea a violencia. Denuncia o machismo

#25Novembro #BloqueaAViolencia #DenunciaOMachismo #RedesLibresDeMachismo