A Deputación adxudica as obras de substitución da cuberta de varios edificios de Príncipe Felipe, cun investimento de preto de 900.000 euros

Con esta actuación resolveranse os problemas de filtracións de auga e humidades no edificio Agarimo e no almacén xeral do recinto

19/04/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación das obras de substitución da cuberta do edificio Agarimo e do inmoble do almacén xeral do Centro Príncipe Felipe. Esta actuación que resolverá os problemas de filtracións de auga e humidades que sofre o edificio, foi adxudicada por un importe superior aos 877.000 euros (IVE incluído) á empresa Prace Servicios y Obras, S. A.

A reforma consistirá en instalar un panel sándwich de aceiro prelacado nunha superficie estimada de 3.659 metros cadrados de cuberta en substitución da placa de fibrocemento coa que conta na actualidade. Este sistema permitirá limitar a demanda enerxética dos inmobles á vez que se reducirá o risco de aparición de humidades. Á marxe disto, o proxecto tamén contempla a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais horizontal formada por arquetas, caleiros, baixantes e colectores.

A Deputación de Pontevedra investiu nos últimos meses un total de 3,2 millóns de euros en diversas actuacións para o Centro Príncipe Felipe. Ademais desta obra, a reforma integral do CEIP Daría González supón un investimento de 1,7 millóns, aos que se suman o proxecto de substitución das escaleiras de emerxencia do Centro Infanto-Xuvenil Escola Fogar (374.000 euros), a renovación da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo (100.000 euros), a renovación da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol (60.000 euros) e as obras de emerxencia para apuntalar o muro de contención situado no perímetro do campo (30.000 euros).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.