Luis López inaugura a actuación de mellora integral do Centro Infanto-Xuvenil Agarimo, en Príncipe Felipe, onde a Deputación investiu máis de 1,1 millóns de euros

“1,1 millóns de euros para que os menores que se atopan aquí poidan desenvolverse nunhas instalacións dignas e adaptadas a eles. Meréceno e estamos moi orgullosos de poder ver rematada esta obra”, subliñou o presidente provincial

30/07/2025

 Luis López, xunto co vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, acaba de visitar o Centro Infanto-Xuvenil  Agarimo, un dos tres centros que forma parte de Príncipe Felipe, onde a institución provincial realizou unha actuación de mellora integral na que investiu máis de 1,1 millóns de euros. “1,1 millóns de euros para que os menores que se atopan aquí poidan desenvolverse nunhas instalacións dignas e adaptadas e eles. Meréceno e estamos moi orgullosos de poder ver rematada esta obra”, subliñou o presidente.

O edificio do Centro Infanto-Xuvenil Agarimo foi construído na década de 1970 e contaba cunha cuberta deteriorada, que ocasionaba filtracións e problemas de illamento. Deste xeito, co investimento realizado, tense substituído a cuberta pero tamén acometido melloras en diferentes estancias e espazos onde se renovou o mobiliario, reparou a instalación eléctrica, modernizou o sistema de iluminación e instalou novo pavimento e novos detectores do sistema de protección contra incendios.

López, quen agradeceu o papel desenvolvido polo persoal traballador de Príncipe Felipe “para garantir o benestar dos menores”, destacou que Agarimo presta servizo a ata 65 menores de idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, aos que realiza seguimento escolar, orientación psicoeducativa, acollemento, asesoramento ás súas familias ou ata atención médico-sanitaria e de psicoloxía.  “Un traballo que debe prestarse nas mellores condicións e nas mellores instalacións”, asegurou o presidente quen engadiu que imos “seguir avanzando na mellora da prestación dos servizos que ofrecemos desde aquí, en Príncipe Felipe, en Pontevedra, para o benestar do conxunto da nosa provincia”.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.