A Deputación colabora coa celebración da Festa do Caldo de Mourente e acollerá o 8 de marzo no Pazo provincial o acto de recepción de novos confrades

02/03/2025

 Rafa Domínguez e Jorge Cubela mostran o apoio da Deputación á Festa do Caldo de Mourente

 

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, mostrou hoxe o apoio da Deputación de Pontevedra á Festa do Caldo de Mourente, que chega á súa edición número 33 o vindeiro domingo 9 de marzo na parroquia pontevedresa consolidada como unha das grandes citas gastronómicas de Galicia. Como parte do compromiso da institución provincial con esta festa, organizada pola Asociación O Castro, o Pazo provincial acollerá por vez primeira este ano o acto de recepción de novos confrades, que terá lugar o sábado 8 de marzo. Rafa Domínguez felicitou á Asociación O Castro “por estes 33 anos de esforzo e bo traballo”, e remarcou que a Deputación “vai estar sempre ao voso carón, axudándovos a espallar por toda a nosa contorna a preparación raíña do inverno galego: o caldo”.

Neste 2025 vestirán por primeira vez as súas capas o propio deputado provincial de Cultura e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a xerente territorial do Catastro en Pontevedra, Micaela Martínez Benavente; o concelleiro del área de Dinamización Social e Cultural de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández López, e o historiador, escritor e investigador Xosé Álvarez Castro.