#IGUALDADE
Programación con motivo do 25N
Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
A desigualdade de xénero é un problema de dereitos humanos do que os poderes públicos teñen que dar conta, co compromiso asumido nas declaracións institucionais e con feitos que amosen esa implicación real na defensa e na salvagarda dos dereitos das mulleres.
Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Deputación de Pontevedra reafírmase no seu posicionamento coa igualdade plena e efectiva de mulleres e homes e, por conseguinte, coa eliminación de todo tipo de violencias que sustenten a desigualdade.
Esta data sérvenos para facer visible o que durante décadas estivo silenciado, consentido e incluso xustificado, a violencia contra as mulleres polo simple feito de selo.
Son numerosas as voces que intentan mover o foco, enmascarando as cifras, dando por superados certos comportamentos, facéndonos ver outra realidade, pero a nosa sociedade evolucionou nesta loita e, sen dúbida, podemos afirmar que a conciencia e o rexeitamento é maioritario.
Aínda así, temos que estar alerta, dado que as cifras non menten e as loiadas e a desinformación intencionada terxiversan a nosa mirada, facendo que perdamos a percepción clara da realidade das nenas, das mozas e das mulleres no noso país. De aí a importancia de poñer unhas lentes con perspectiva feminista.
Na Deputación de Pontevedra a nosa mirada está ben graduada e temos claro que a violencia de xénero é unha das violacións dos dereitos humanos máis persistente e que precisa do traballo transversal por parte de todas as administracións. Este enfoque vese reflectido no labor realizado desde todas as áreas de Goberno, os 365 días do ano, cun obxectivo común: erradicar a violencia de xénero en calquera das súas manifestacións, tender pontes cara á igualdade e conseguir unha vida libre de violencias machistas.
É un feito contrastado que as mulleres sofren violencia polo simple feito de selo. Este tipo de violencia, que é o que chamamos violencia de xénero, presenta moitas facianas —psicolóxica, sexual, económica, física…—, das que o asasinato é a máis visible. Non é un feito illado, é un problema da nosa sociedade e, como parte dela, temos que formar tamén parte da solución, temos que formar parte activa do cambio.
É certo que nas dúas últimas décadas a visibilización do fenómeno, a concienciación no seu rexeitamento e a especialización, coa conseguinte mellora, da atención ás mulleres que a sofren, se consolidou grazas ao traballo impulsado e reivindicado desde o feminismo e levado a cabo desde as administracións. Non obstante, os resultados non son os desexados; os avances son un feito, pero non son suficientes.
Tal e como se recolle na normativa vixente, é responsabilidade destes poderes públicos habilitar todos os recursos necesarios para garantir a atención integral, a investigación e a análise desta realidade. Coñecer as súas causas e características, analizar a resposta actual, así como o sentir da cidadanía con respecto a esta problemática, son fundamentais para artellar unha resposta que verdadeiramente actúe contra os alicerces que sustentan a violencia machista.
Se queremos avanzar cara a unha sociedade xusta, igualitaria e libre de violencias, temos que graduar a nosa ollada desde a perspectiva de xénero para que esas lentes nos faciliten as claves para artellar a resposta máis acaída. Temos que oír, ver, nomear e actuar.
Sen dúbida, a prevención e a sensibilización desde a educación deben ser piares desta carreira de fondo que ten como meta o cambio, pero a alerta e a posición activa da cidadanía no noso día a día é fundamental para rexeitar eses comportamentos que fan que a violencia de xénero sexa máis habitual do desexado.
Desde hai máis de dúas décadas, o 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta conmemoración debe servirlle a toda a sociedade para romper co silencio cómplice e visibilizar que calquera tipo de violencia sobre a muller supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos, non só das mulleres, senón tamén das súas fillas e fillos, vítimas directas desta violencia.
As actividades levaranse a cabo ao longo de todo o mes de novembro, cun acto central o propio día 25 de novembro no Pazo provincial. Neste acto participará todo o Goberno da Deputación e convocarase a todas as persoas traballadoras desta institución, ademais de estar aberto á toda a cidadanía
Os actos comezarán coa colocación da pancarta na fachada da sede da Deputación en Vigo e o panelado da porta principal do Pazo provincial, co lema escollido este ano, ao tempo que se iluminarán de morado ambas as dúas sedes.
"O MACHISMO VESE CLARO CANDO ENFOCAS.
25N: E ti, velo?"
Actos e programación con motivo do 25N
O propio día 25 de novembro vaise realizar un acto institucional no Pazo provincial.
Ademais, entre as actuacións programadas co gallo desta conmemoración, levarase a cabo a presentación da programación do Ateneo Provincial pola Igualdade:
- Spot. "25N: E ti, velo?"
- 7/11/2025 Pazo provincial e sede de Vigo.
- Panelado da porta principal do Pazo provincial e colocación dunha lona na fachada da sede da Deputación en Vigo.
- Realización das accións nos centros escolares premiados no concurso escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?
- 13/11, ás 12:30h, IES O Carril, Vilagarcía de Arousa. Con De Vacas.
- 17/11, ás 10:00 h, CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral, Vigo. Con Raquel Queizás.
- 24/11, ás 12:20h, CEIP Torre de Illa, Illa de Arousa. Con De Vacas.
- 27/11, ás 12:30 h, CEIP Isidora Riestra, Poio. Con Migallas Teatro.
- Presentación do mural no CP da Lama realizado por Alba Troiteiro
- Aquí Faltan Páxinas
- 19/11/2025, O Porriño. Juaniña. Juana de la Cruz Domínguez.
- 24/11/2025, Vigo. Nais contra a droga.
- 13/11/2025, salón de plenos do Pazo provincial.
- Entrega dos II Premios ás Boas Prácticas en Igualdade
- 17/11/2025, CEIP de Atín-Cela, Mos.
- Obradoiro e exposicións "Muller e sustentabilidade no mar"
- 20/11/2025, sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.
- 24/11/2025 ata 26/11/2025, sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.
- Iluminación en morado da sede da Deputación en Vigo
- 25N, acto central no Pazo provincial.