A Deputación destina preto de 250.000 euros a mellorar a mobilidade peonil na EP-9401 en Meis

A obra contempla a construción dunha senda peonil, ademais doutras actuacións para garantir a seguridade na estrada das persoas que circulan a pé

16/07/2022

Xunta de Goberno  

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno o demandado proxecto de execución da mellora da mobilidade peonil na EP-9401 Travesía Meis-San Salvador-Enlace Autovía (AG-41) do P.Q. 0+000 ao 0+320. A obra, que conta cun orzamento de 242.454 euros, dos que a Deputación asume o 80% (193.963 €) e o Concello de Meis o 20% restante (48.491 €), resolverá os problemas de seguridade viaria que presenta a estrada para a circulación peonil e dos colectivos máis vulnerables pola actual falta de sendas e beiravías, unha demanda histórica da veciñanza da zona.

A EP-9401 na que se vai actuar enlaza coa EP-9403 e coa Autovía do Salnés, polo que rexistra un importante tránsito que fai necesario garantir a seguridade das e dos peóns, tratándose dunha zona na que hai numerosas vivendas e servizos. Por este motivo, a principal actuación da obra consiste na construción dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho mínimo, cómoda e segura, ao longo dos 320 metros da estrada. Será de formigón coloreado e situarase na marxe esquerda, así como no inicio e no final da marxe dereita.

Ademais, o proxecto contempla outras actuacións, como a renovación do pavimento, a mellora da drenaxe lonxitudinal, a instalación das canalizacións e arquetas para o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións, e a execución dunha nova rede subterránea de alumeado público. Dado que o ancho da calzada actual é insuficiente, levarase a cabo o ensanche da mesma coa execución do paquete de firme completo de aglomerado naquelas zonas onde sexa necesario. Por último, executaranse tres pasos de peóns sobreelevados e renovarase a sinalización horizontal e vertical en todo o treito. Ademais, para completar a obra, que ten un prazo de execución de cinco meses, a estrada terá unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora para garantir a seguridade e convivencia de vehículos e persoas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.