A Deputación de Pontevedra espalla o teatro por toda a provincia ao longo deste outono con medio centenar de funcións para todos os públicos

Trinta compañías protagonizan as representacións gratuítas deste ciclo que arranca este sábado 7 de outubro no Concello de Moaña e se prolongará ata o 28 de decembro, cunha última función en Salvaterra de Miño

04/10/2023

reunion vicepresidenta cultura

A Deputación de Pontevedra levanta o pano dunha nova edición do ciclo teatral “Tornar ás Táboas”, que achegará ao longo destes tres últimos meses do ano un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia, coa participación de trinta compañías galegas. Este programa, que busca espallar a arte escénica e encher os escenarios dos espazos culturais dos municipios de menos de 20.000 habitantes, arrancará en Moaña este sábado 7 de outubro e prolongarase ata o 28 de decembro, data no que finalizará coa representación que terá lugar en Salvaterra de Miño. No marco do apoio da institución provincial á escena galega, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha xuntanza con Santiago Cortegoso e Xoque Carbajal, presidente e responsable da comisión de traballo de compañía con sede en Pontevedra da asociación Escena Galega.

A primeira das representacións de “Tornar ás Táboas”, de acceso libre ata completar o aforo, terá lugar este sábado, 7 de outubro, no IES As Barxas de Moaña, a cargo de Amorodio Teatro, que porá en escena “A nai” ás 21:00 horas. Dirixida a público mozo e adulto, a peza é unha viaxe no tempo que explora, a través das figuras das irmáns Lola, Julia e Amparo Touza e as súas fazañas como salvadoras de preto de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de ser mellores persoas e tempos de degradación moral.

Pola súa banda o domingo, 8 de outubro, Covelo acollerá a segunda das funcións, tamén de acceso libre e ata completar o aforo, a cargo de Ártika Cía, que porá en escena “Illa da deslembranza” no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil e familiar que narra a historia de Uxía, unha nena de dez anos que tenta axudar á súa avoa a recuperar os seus recordos ante o perigo de que acaben na “illa da deslembranza”. A peza aborda, entre outros temas, a enfermidade de Alzhéimer, co obxectivo de axudar a comprender situacións que poden darse nun ambiente familiar.

Posteriormente, en outubro haberá outras dezaseis funcións, que chegarán ao concellos de Valga o día 14; a Vila de Cruces e Soutomaior o 15; a Fornelos de Montes o día 20; a Gondomar, Tomiño e Mondariz o día 21; a Pazos de Borbén e Meaño na xornada do 22; a Cambados o 24; a Poio e Pontecesures o día 28; aos concello da Cañiza e O Rosal o día 29 e por último a Oia e Vilanova de Arousa o día 31. Nestes municipios actuarán, ademais de Amorodio, as compañías Ibuprofeno Teatro, Viravolta Títeres, Ártika Cía, Migallas Teatro, Tanxarina, Teatro Ghazafelhos, A Panadaría, Nelson Quinteiro Producións, Simplemente Enricco, Baobab Teatro, Dani Blanco, Compañía Humana, De Ste Xeito e Barafunda.

No mes de novembro, están previstas un total de 12 representacións, que chegarán aos concellos de Agolada o día 10; aos municipios da Guarda e Bueu o día 11; a Meis o 12; a Ponte Caldelas o 17; a Rodeiro o día 18; a Portas e Catoira o día 19; á Illa de Arousa o 24; a Cerdedo-Cotobade o 25 e aos concellos de Ribadumia e O Grove o día 26. Algunhas das compañías que levarán nese mes os seus espectáculos a escena son Isabel Risco, Os Náufragos Teatro, Redrum Teatro, Olivas Negras, Matrioshka Tetro, Culturactiva Producións ou Malasombra.

Por outra banda, no mes de decembro desenvolveranse as restantes 19 funcións, que terán lugar o día 2 nos municipios de Nigrán e Moraña; o día 3 en Baiona e Mos; o día 8 nas Neves; o 9 en Sanxenxo e Arbo; o día 10 en Caldas de Reis; o día 16 a Forcarei, A Lama e Campo Lameiro; o día 20 a Dozón; o día 22 a Mondariz-Balneario, Vilaboa e Barro; o día 23 a Silleda; o día 26 a Cuntis e Salceda de Caselas e, por último, o día 28 a Salvaterra de Miño. Ademais de varias das anteriores compañías, outras que actuarán neste último tramo do ciclo son A Cova das Letras, Artefeito, Vero Rilo, Píscore, Brais das Hortas, Fulano, Mengano e Citano, a Fundación Rogelio Groba e Expresión Producións.  

 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.