O ciclo de teatro da Deputación chega este sábado a Tomiño, Gondomar e Mondariz

Ibuprofeno Teatro porá en escena “Smoke on the Water” no Auditorio de Goián (Tomiño), ás 18:30 horas, Ártika Cía, “A illa da deslembranza”, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, ás 19:00 horas, e A Panadería, “As que limpan”, no auditorio municipal de Mondariz, ás 21:30 h

20/10/2023

O ciclo de teatro “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra chega este sábado a Tomiño, Gondomar e Mondariz con tres funcións con entrada libre ata completar a capacidade. Ibuprofeno Teatro porá en escena Smoke on the Water no Auditorio de Goián (Tomiño), ás 18:30 horas, Ártika Cía fará o mesmo con A illa da deslembranza, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, ás 19:00 horas, e A Panadería, con As que limpan, no auditorio municipal de Mondariz, ás 21:30 horas.

Smoke on the Water, a peza que interpretará Ibuprofeno Teatro no Auditorio Municipal de Goián en Tomiño, conta a historia de Ritchie (Blackmore), un home que vive ancorado á música dos anos 70 e nunha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta e estuda Filosofía na universidade. O seu matrimonio sobrevive despois de case 25 anos de crise permanente nunha relación de dependencia que se ve ameazada pola aparición de Alex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora. É un enredo amoroso-financeiro co rock  como pano de fondo entre un grupo de seres humanos maltratados pola vida que está pensado para un público mozo e adulto.

Pola súa banda, A illa da deslembranza, que se poderá ver no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, ás 19:00 horas, trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil e familiar. Conta a historia de Uxía, que quere axudar a súa avoa a recuperar os recordos perdidos e todas as historias vividas, e aborda a enfermidade de alzhéimer, co obxectivo de axudar a comprender situacións que poden darse nun ambiente familiar.

Por outra banda, As que limpan, que representará A Panadería o sábado, ás 21:30 horas, no auditorio municipal de Mondariz, trátase dun espectáculo dirixido a un público mozo e adulto. Está inspirado na loita organizada polas camareiras de piso dos hoteis para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, móstrase a avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras. A obra, estreada por vez primeira en febreiro de 2022, recibiu numerosos galardóns coma os Premios María Casares ao mellor espectáculo, ao mellor texto orixinal, á mellor actriz protagonista, Noelia Castro, e á mellor dirección, ou o Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, entre outros.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra achegaralles entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.