O ciclo de teatro da Deputación chega este domingo ata a Cañiza e O Rosal coas obras “Ninja” E “A louca historia de Galicia”

“Ninja” poderase ver no auditorio da Casa da Cultura da Cañiza ás 17:00 horas e “A louca historia de Galicia” no Auditorio Municipal do Rosal, ás 19:00 horas

28/10/2023

O ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este domingo á Cañiza e ao Rosal coas obras Ninja e A louca historia de Galicia. O auditorio da Casa da Cultura da Cañiza acolle, ás 17:00 horas, Ninja, un espectáculo de Teatro Ghazafelhos enfocado a un público infantil e familiar. Pola súa parte, o Auditorio Municipal do Rosal será o escenario de A louca historia de Galicia, que interpretará Fulano, Mengano e Citano a partir das 19:00 horas, para público mozo e adulto. A entrada, para ambos os espectáculos, é libre ata completar a capacidade.

Ninja é a nova proposta da compañía ferrolá Teatro Ghazafelhos, a súa vixésimo sexta produción en dezaseis anos de traxectoria. É unha peza dirixida a un público familiar, a partir de cinco anos, que aborda o acoso escolar a través dunha historia chea de humor e de reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade, e na que as artes marciais e a cultura oriental son as protagonistas. O espectáculo foi finalista á mellor proposta familiar nos Premios María Casares 2023.

A louca historia de Galicia, unha peza para público mozo e adulto, é un percorrido, en clave de humor, a través da historia da comunidade que leva as e os espectadores por apaixonantes períodos de luz e de sombra, que, como destaca a compañía, “fixeron de nós o que somos, ou o que algúns pensan que somos”. “Unha historia —engaden— que demostra que os galegos sabemos rirnos de nós mesmos, e dos outros…”, e que segue crecendo cada ano.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos, a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.