A Deputación lanza a nova edición de “Depotermal”, que ofrecerá 3.500 prazas no vindeiro 2023

A institución provincial destinará preto de 200.000 euros a este programa de termalismo social que busca propiciar actividades de envellecemento activo vinculadas á saúde dirixidas ás persoas maiores

01/12/2022

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará o vindeiro venres as bases da nova edición do programa de termalismo social “Depotermal”, unha das iniciativas provinciais con maior acollida e na que desde o ano 2015 participaron 16.500 persoas. Para o próximo 2023 serán un total de 3.500 as prazas que ofertará o programa, que busca, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, propiciar “actividades de envellecemento activo para as persoas maiores vinculadas á saúde”. A institución provincial destinará preto de 200.000 euros (184.470€) á iniciativa.

“Depotermal” desenvólvese en concellos que contan con centros de termalismo e balnearios e ofrece dúas modalidades de participación, estadías de día ou pernoita. Está destinado a persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% e tamén ás que precisen dun respiro familiar.

Das citadas 3.500 prazas, 1.000 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. E delas, 122 prazas están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social, para as que a Deputación cubre todo o custe da estadía. As restantes 2.500 prazas son para a opción con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, nas que 122 serán reservadas tamén para persoas en dificultades económicas.

Carmela Silva destacou “a complicidade” dos 54 concellos que xa son colaboradores de “Depotermal” e que facilitan ás persoas que queren solicitar a participación no programa a realización dos trámites e as axudas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.