O programa “Depotermal” arranca esta semana cunha primeira saída ás termas de Cuntis

72 persoas maiores gozarán esta semana do programa de termalismo social da Deputación que beneficiará a preto 3.500 veciñas e veciños de 54 concellos da provincia

30/09/2023

Un total de 72 persoas da provincia maiores de 50 anos inaugurarán este luns nas Termas de Cuntis o programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal”. Son veciñas e veciños dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Meaño, Meis e Ribadumia quen gozarán da modalidade diúrna deste programa, polo que acudirán durante cinco días consecutivos ao establecemento termal para relaxarse nas súas instalacións, coma os baños de hidromasaxe ou a piscina terapéutica.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra está dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar e ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, co que se impulsa a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

 “Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783, a asistencia con pernoita.

 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.