A Deputación leva ata o Fórum Gastronómico da Coruña un posto propio desde o que promoverá experiencias 100 % Rías Baixas

Entre o 7 e o 9 de abril divulgarase información sobre aspectos relacionados coa natureza, a gastronomía, a cultura, o patrimonio e as experiencias que se poden gozar na provincia

04/04/2024

A Deputación de Pontevedra terá presenza cun posto propio na feira Fórum Gastronómico que terá lugar en Expocoruña entre o 7 e o 9 de abril. No evento, a institución provincial promoverá as experiencias 100 % Rías Baixas e divulgará información sobre aspectos relacionados coa natureza, a gastronomía, a cultura, a camelia ou o patrimonio. Entre as actividades que promoverá a Deputación de Pontevedra en Coruña destaca a sesión de cociña en directo protagonizada por chefs con estrela Michelín da provincia.

No posto, de 40 metros cadrados, persoal de información turística difundirá a oferta turística da provincia en horario de 10 a 20 horas. As persoas que se acheguen ao espazo propio da Deputación de Pontevedra, ademais de recibir información do destino, tamén poderán realizar fotos con atrezzo adaptado a cada un dos tres paneis que haberá dispostos: un con imaxes de auga, ao ser o eixe central da campaña 100 % Rías Baixas, e os outros dous con fotografías relacionadas co viño e a gastronomía, pola propia temática da feira.

A provincia de Pontevedra é unha despensa natural. Conta cunha materia prima rica, variada, saborosa e de calidade que converteu a súa gastronomía nunha das grandes experiencias 100 % Rías Baixas. Deste xeito, o Fórum Gastronómico, aberto a xornalistas e público gourmet, convértese nun escaparate axeitado para dar a coñecer os atractivos turísticos e a oferta enogastronómica de Pontevedra.