A Deputación pon en marcha o programa “+Música”, dotado con 600.000 euros, para levar a cultura musical a toda a provincia

O programa ten por obxectivo apoiar a programación artística nos concellos de menos de 50.000 habitantes ao poñer á súa disposición grupos e artistas que interpreten en lingua galega

30/01/2024

O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases de “+Música”, o programa dotado con 600.000 euros para apoiar a programación artística nos concellos de menos de 50.000 habitantes ao longo deste ano. Deste xeito, esta iniciativa cultural pon á disposición dos municipios grupos de artistas profesionais de música que realizan as súas actuacións ou os seus concertos en lingua galega ou, no caso de ser instrumentais, con pezas de autoría galega.

Así, “+Música” busca facilitarlles aos concellos a programación e a celebración de concertos gratuítos para todos os públicos. Como explicou o presidente provincial, Luis López, o obxectivo é tamén “contribuír á difusión e ao fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural”. Para conseguilo, poranse á disposición dos concellos actuacións musicais profesionais de grupos inscritos no catálogo de grupos de “+Música”. Unha vez se publiquen estas bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, os grupos e as músicas e músicos interesados terán un prazo de dez días hábiles para poder inscribirse no catálogo, darse de baixa deste ou modificar os seus datos, no caso de que xa formase parte del.

Pola súa banda, os concellos poderán presentar, entre os días 1 e 15 de marzo, as súas solicitudes de actuacións e concertos, que deberán desenvolverse entre o 1 de maio e o 31 de decembro deste ano. A Deputación encargarse de aboar o caché, mentres que o Concello se encargará de sufragar os gastos derivados da produción da actuación.