A Deputación pon á disposición dos concellos o catálogo de “+Música”, do que forman parte cerca de 150 grupos, para fomentar a programación de música galega e en galego

Ao abeiro deste programa, dotado con 600.000 euros, un 16 % máis que o pasado ano, este venres 1 de marzo abre o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan solicitar actuacións

29/02/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar o catálogo do programa “+Música”, que pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un total de 148 grupos de artistas profesionais que realizan as súas actuacións ou os seus concertos en lingua galega ou, no caso de ser instrumentais, con pezas de autoría galega, para que poidan programar cultura galega nas súas localidades. Con este programa, que conta cun orzamento de 600.000 euros, un 16 % máis que o pasado ano, a institución provincial pretende facilitar a realización de concertos gratuítos para todos os públicos nos concellos, así como contribuír ao fomento da cultura da provincia e do galego, e promover a reputación de Pontevedra como destino cultural.

O catálogo de “+Música”, que se pode consultar xa na web da Deputación, recolle información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas, coma a súa páxina web, un breve currículo, a descrición da súa proposta artística, os datos de contacto, o caché, as necesidades técnicas e de produción ou as ligazóns ás súas principais redes sociais. Entre as preto de 150 propostas que recolle, atópase unha gran variedade de estilos diferentes. Así, hai grupos enfocados a un público infantil e familiar, coma A Gramola Gominola ou Uxía Lambona e a Banda Molona; de pop ou rock, coma Familia Caamango, Roi Casal ou The Rapants; folk, coma Antía Muíño ou Mercedes Peón; hip-hop, coma Dios Ke Te Crew ou Dakidarría; ou incluso propostas máis actuais aliñadas co trap, coma Boyanka Kostova, ou coa electro cumbia, coma Ortiga. Sen esquecer, por suposto, clásicos da música tradicional, coma A Roda, Treixadura, Milladoiro ou Luar na Lubre.

Desde este venres 1 de marzo ata o vindeiro día 15, os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes de actuacións e concertos a través da Sede electrónica da Deputación. Terán a opción de escoller un máximo de dous grupos ou artistas entre os dispoñibles no catálogo, por orde de preferencia, para unha data previamente acordada cos grupos solicitantes. Ao seleccionar os grupos, débese ter en conta que un dos grupos ou artistas debe ter un caché non superior a 10.000 euros. Unha vez avaliadas as solicitudes, a cada concello interesado concederáselle unha única actuación, e a institución provincial aboará o 100 % do caché do espectáculo, e o concello farase cargo da produción.