A Deputación presenta Move, a plataforma entre negocios que dinamizará o tecido comercial dos vinte concellos que participan nos proxectos “Da túa man”

O presidente provincial, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, avanzaron os próximos pasos para a posta en marcha desta rede de comercio minorista

15/01/2024

Luis lópez na presentación da Copa Galicia BTT 3H Resistencia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co vicepresidente segundo, Rafa Domínguez, participou este luns na reunión á que estaban citados representantes dos vinte concellos participantes nos proxectos financiados con fondos europeos “Da túa man (rural I)” (Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures) e “Da túa man (rural II)” (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia e Pazos de Borbén), que tiña por obxectivo presentarlles a plataforma entre negocios que se porá en marcha nos vindeiros meses ao abeiro de ambos os programas, así como os próximos pasos que se darán para a súa implantación.

O mandatario provincial agradeceulles ás e aos representantes municipais a súa participación nestes proxectos “cos que buscamos que o comercio de proximidade teña máis capacidade para inxectar emprego, riqueza e prosperidade no conxunto de Pontevedra, algo que é vital tanto para manter poboación no rural como para atraer visitantes”. Ademais, fixo fincapé na importancia da “implicación de todos os concellos para conseguir que sexa un éxito e que esta novidosa plataforma sirva para darlle vida ao comercio local”.

Baixo o nome de Move, esta rede de comercio minorista permitirá poñer en contacto a comerciantes e produtores locais, co fin de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e adaptalo aos novos hábitos de consumo para favorecer a empregabilidade e a permanencia da poboación no territorio.  Constará de dúas partes: por un lado, unha pública, na que se poderán ver vídeo-experiencias das e dos comerciantes de cada concello; e, por outro lado, dunha interna, á que poderán acceder as e os comerciantes e provedores locais coa finalidade de fomentar as relacións entre eles. Tamén se configurará como unha comunidade de aprendizaxe, con varias oportunidades de formación. Ao longo dos próximos meses, levarase a cabo un inventario de produtores e provedores, así como a captación de participantes, que se realizará fisicamente nas feiras e comercios de cada un dos concellos. O obxectivo é que a plataforma estea en marcha ao longo do mes de xuño.