A Deputación lanza a plataforma Move para visibilizar e modernizar o pequeno comercio local de 19 concellos da provincia
O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia e enmarcada nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), é promover a economía de proximidade e crear unha rede de comercio local
22/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar a nova plataforma Move.gal, unha iniciativa pioneira que busca visibilizar e modernizar o pequeno comercio local de 19 concellos da provincia (Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro, Pontecesures, A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa) para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías. En concreto, Move, que xa está accesible, integra a rede de comercio local da provincia e serve para que as e os comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos coas persoas produtoras e provedoras locais.
O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia e enmarcada nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), financiados con fondos NextGenerationEU, é dar visibilidade aos comercios e establecementos hostaleiros locais e aos produtos de quilómetro 0, especialmente no rural, así como promover a economía de proximidade a través dunha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio.
A plataforma conta cunha parte pública, na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais. Ademais, ten unha parte privada á que poden acceder as e os comerciantes, hostaleiros e produtores locais para buscar provedores próximos, interactuar con outros negocios da provincia para emprender proxectos conxuntos, aprender sobre estratexias comerciais en Internet, afondar en temas como o márketing, a tecnoloxía, a sensibilización ambiental, coñecer de primeira man a experiencia de expertos nesas materias e formular iniciativas comúns a través dunha ferramenta de comunicación interna.
Para adherirse a Move, só hai que cubrir un formulario en liña de solicitude dispoñible nesta ligazón. Poden facelo os comercios locais e establecementos hostaleiros que desenvolvan a súa actividade nos municipios participantes nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), así como os produtores e provedores locais que desenvolvan a súa actividade na provincia de Pontevedra. En ambos os dous casos, a plataforma está aberta á participación tanto de autónomos como de pequenas e medianas empresas.