O Ciclo Mestre Mateo continúa este mércores en Caldas de Reis cunha dobre sesión que lle achega ao público “Valentina” e “María Casares, a muller que viviu mil vidas”

O auditorio municipal acollerá o pase do filme dirixido por Chelo Loureiro, ás 18:30 horas, e, seguidamente, o documental sobre a actriz galega, ás 20:30 horas

17/10/2023

O auditorio municipal de Caldas de Reis acollerá este mércores 18 de outubro unha dobre sesión cinematográfica ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, ás 18:30 horas terá lugar o pase do filme de animación Valentina, dirixido por Chelo Loureiro e finalista nesta categoría dos galardóns, mentres que ás 20:30 horas será a quenda de María Casares, a muller que viviu mil vidas, recoñecido como mellor documental nestes premios.

No primeiro caso, o filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está producida tamén por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta; conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, e cunha banda sonora obra de Nani García. Por outra banda, María Casares, a muller que viviu mil vidas, con guión e dirección de Xavier Villaverde, propón unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento. Ao longo do documental interveñen María Lopo, Emilio Grandío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Ademais de Caldas de Reis, o Ciclo Mestre Mateo chegou este ano aos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Baiona. Estes municipios están a exhibir unha programación que inclúe, xunto aos citados filmes, as películas Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo. O resto de títulos son finalistas destes galardóns, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), Non somos nada (Javier Corcuera, 2022) e A Foreign Song (César Souto, 2022), así como as películas Live is Life (Dani de la Torre, 2022) e Código emperador (Jorge Coira, 2022).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.