Aberto o prazo dos cursos de español para persoas inmigrantes que promove a Deputación

Ata o 26 de abril estará aberto o prazo de inscrición nestas accións formativas para as que hai 55 prazas e terán lugar en Vigo e Pontevedra

06/04/2022

cursos de español para persoas inmigrantes

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o 26 de abril o prazo de inscrición para os tres cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes que se celebrarán neste 2022 en Vigo e Pontevedra. Estas tres accións formativas contan cun total de 55 prazas e están encamiñadas a que persoas non hispanofalantes poidan preparar e superar a proba DELE (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española.

Esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa, que a Deputación desenvolve a través dun convenio coa Universidade de Vigo, ao través do Centro de Linguas, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame. 

Os tres cursos deste 2022, que terán 40 horas de duración, comezarán en Vigo, coa acción que se desenvolverá do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9.30 a 12.30 horas, que ten 20 prazas. Posteriormente, do 5 ao 30 de setembro celebraranse as dúas restantes actividades formativas en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas, e en horario de 10 a 12.30 e de 15.30 a 17.30 horas respectivamente.

Nos cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación administrativa regular. Trala superación do curso, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, na convocatoria de setembro para quen realice a acción en maio e en novembro no caso das persoas que o fagan nos outros dous cursos de setembro.  

As clases desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid e, en caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias sanitarias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto. Como novidade, tamén se valorará de maneira individual a realización do curso en remoto polo alumnado que o precise cando xustifique documentalmente a imposibilidade de asistir, por motivos laborais, sempre e cando presente en forma e prazo as tarefas asignadas polo profesorado, conte con medios propios para realizalas e valoración favorable  da súa persoa docente.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes cursos de español no ano 2017 e nas cinco edicións anteriores houbo un total de 290  participantes. Como exemplo da súa enorme demanda, hai que lembrar que no pasado 2021 a institución recibiu 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades.  Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a maioría procedente de Marrocos (con 11 persoas), Brasil (11) e Senegal (6).