A Deputación pon en marcha a VII edición dos cursos de español para persoas inmigrantes

Serán tres accións formativas, dúas en Vigo e unha en Pontevedra, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 14 de marzo ao 12 de abril

05/03/2023

A Deputación vén de publicar as bases da sétima edición dos cursos de español para inmigrantes, unha actividade formativa gratuíta que ten por obxectivo que as persoas participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española. Serán en total tres accións formativas, dúas en Vigo e unha en Pontevedra, para facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 14 de marzo ao 12 de abril.

Os tres cursos, de 40 horas de duración e con 60 prazas ofertas (20 en cada edición), están dirixidos a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, se atopan en situación regular en España, son  maiores de 16 anos, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra e teñen coñecementos básicos da lingua española. Comezarán na Sede de Vigo da Deputación, con dúas accións formativas que se desenvolverán de maneira simultánea do 22 de maio e o 16 de xuño. Unha será en horario de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, e outra de tarde, de 15.00 a 17.00 horas. Posteriormente, do 19 de xuño ao 12 de xullo terá lugar a terceira edición, que se celebrará en Pontevedra de luns a venres de 10.00 a 12.00 horas.  

A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para rendibilizar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. Ao finalizar as tres edicións, o alumnado dos cursos poderán presentarse ao exame do DELE A2 levado a cabo polo Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 8 de setembro, para aqueles alumnos e alumnas das dúas edicións de Vigo, e o 18 de novembro para as e os de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha este cursos de español no ano 2017 e nas seis edicións anteriores participaron un total de 338 persoas

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.