A Deputación abre este venres o prazo para participar nos cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes, por primeira vez en Vilagarcía de Arousa

Os cursos, aos que a institución provincial destina 18.000 euros, terán lugar entre os meses de maio e xuño en Pontevedra e en Vigo, ademais de en Vilagarcía de Arousa

27/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres 1 e ata o 15 de marzo o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes. Como novidade, este ano chegan por vez primeira a Vilagarcía de Arousa. Esta actividade formativa gratuíta, que conta cun orzamento de 18.000 euros, ten por obxectivo que as e os participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española.

A institución provincial promoverá este ano tres accións formativas de 40 horas de duración. Desta maneira, ademais da de Vilagarcía de Arousa, realizaranse outras dúas en Pontevedra e Vigo, para facilitarlles ás persoas de países non falantes de español conseguir este título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadás e cidadáns de pleno dereito. En cada cidade ofertaranse 20 prazas (60 en total), dirixidas a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, que se atopan en situación regular en España, son maiores de 16 anos, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española.

Os cursos comezarán en Vigo e en Pontevedra, onde se desenvolverán entre o 20 de maio e o 5 de xuño, e despois chegará a quenda de Vilagarcía de Arousa, onde a formación terá lugar do 10 ao 26 de xuño. As tres accións formativas completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración en setembro, antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de última hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos e simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e de estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.

O pasado 2023, a Deputación de Pontevedra recibiu 94 solicitudes para participar na formación, entre as que se seleccionaron 48 persoas; finalmente, 44 foron ao exame e aprobaron 36. Por nacionalidades, a maioría procedían do Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.