A Deputación ten aberto ata este venres o prazo para participar nos cursos gratuítos de español para inmigrantes, por primeira vez en Vilagarcía de Arousa

Os cursos, aos que a institución provincial lles destina 18.000 euros, desenvolveranse entre os meses de maio e xuño en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

13/03/2024

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata este venres 15 de marzo o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes que, como novidade, este ano se impartirán por vez primeira en Vilagarcía de Arousa. Esta actividade formativa gratuíta, que conta cun orzamento de 18.000 euros, ten por obxectivo que as persoas participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española.

A institución provincial promoverá este ano tres accións formativas de 40 horas de duración. Desta maneira, ademais da de Vilagarcía de Arousa, terán lugar outras dúas en Pontevedra e Vigo para facilitar que as persoas de países non falantes de español consigan este título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadás de pleno dereito. En cada cidade ofertaranse 20 prazas (60 en total) dirixidas a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, se atopan en situación regular en España, son maiores de 16 anos, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española.

Os cursos comezarán en Vigo e Pontevedra, onde se desenvolverán entre o 20 de maio e o 5 de xuño, e seguirán en Vilagarcía de Arousa do 10 ao 26 de xuño. As tres accións formativas completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos e de simulacros de exame, así como no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.

En 2023, a Deputación de Pontevedra recibiu 94 solicitudes para participar na formación, entre as que se seleccionaron 48 persoas; finalmente, presentáronse ao exame 44 e aprobaron 36. Por nacionalidades, a maioría procedían do Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.