A Deputación e a Universidade de Vigo asinan un convenio para promover cursos de español gratuítos para inmigrantes ata o 2028

Ao longo destes catro anos vanse ofertar 240 prazas para participar nestes cursos que teñen por finalidade preparar os inmigrantes para a proba de acreditación do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELE) expedido polo Instituto Cervantes

03/04/2024

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo acaban de asinar un convenio de colaboración para promover cursos de español gratuítos para 240 persoas inmigrantes ata o 2028. Estes cursos teñen por finalidade preparar as e os inmigrantes maiores de 16 anos, que se atopan en situación regular en España, teñen coñecementos básicos de lingua española, están empadroados nalgún dos concellos da provincia e saben ler e escribir, para a proba de acreditación do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELE) expedido polo Instituto Cervantes.

En total, a través deste convenio entre a Deputación e a Universidade de Vigo impartiranse tres edicións anuais dos cursos de español para persoas inmigrantes con 60 prazas, cun máximo de 20 por aula. As accións formativas teñen por obxectivo preparar de xeito práctico as probas para obter a certificación, con simulacros de exame e técnicas, estratexias e habilidades para aproveitar ao máximo os coñecementos.  Deste xeito, a través dos cursos prepararanse tanto a proba de comprensión lectora coma a auditiva e as de expresión e interacción escrita e oral con textos de exames, mostras de audios e vídeos similares aos reais.

Este ano os cursos terán lugar en Pontevedra, Vigo e, por vez primeira, en Vilagarcía de Arousa, e rexistrouse unha demanda superior á do pasado ano, con 120 solicitudes fronte ás 94 do 2023. As accións formativas comezarán en Pontevedra e Vigo, onde se desenvolverán entre o 20 de maio e o 5 de xuño. Pola súa banda, a quenda de Vilagarcía terá lugar entre o 10 e o 26 de xuño. Ademais, as tres accións formativas completaranse cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de última hora.

Ligazóns de interese