A Deputación leva este xoves ao Condado-Paradanta unha tripla cita coa cultura con novas actuacións no marco dos programas +Música e do Ciclo Mestre Mateo

Qunkillada e Festicultores Troupe actuarán na Praza de España de Mondariz ás 23:00 e 1:00 horas dentro da programación do +Música, mentres que a proxección da longametraxe “Honeymoon” terá lugar no recinto da muralla de Salvaterra de Miño ás 22:00 horas dentro do Ciclo Mestre Mateo

11/08/2025

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 14 de agosto ao Condado-Paradanta tres citas coa cultura galega. Será a través de dous concertos de Qunkillada e Festicultores Troupe, grupos que forman parte do catálogo do programa +Música, e a proxección da longametraxe "Honeymoon", de Enrique Otero, unha das que se ofertan no marco do Ciclo Mestre Mateo. As actuacións musicais terán lugar na Praza de España de Mondariz ás 23:00 e ás 1:00 horas, respectivamente, mentres que o filme se proxectará no recinto da muralla de Salvaterra de Miño ás 22:00 horas.

Quinkillada mestura ritmos latinos con rumba, cumbia e sons modernos, e ofrecerá en Mondariz temas en galego con gran diversidade nas súas letras. Pola súa banda, Festicultores Troupe converten cada actuación na mellor pista de baile cunha proposta chea de humor, música e performance. Por último, Enrique Otero firma unha cinta na que un matrimonio en destrución ten que viaxar a Estados Unidos para repatriar o corpo do seu fillo falecido. Só esta necesidade case física de facelo será o único que os una.

Os concertos de Qunkillada e Festicultores Troupe son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, ten a finalidade de achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará tamén aos concellos de Marín, Mondariz e Vilanova de Arousa, e ademais da proxección de "Honeymoon", haberá proxeccións de "As Neves", de Sonia Méndez, "+Cuñados", de Luis Avilés e "Xustiza artificial", de Simón Casal, así como dos documentais "Prefiro condenarme", de Margarida Ledo, "Aurora", de Area Erina, "Salvaxe, salvaxe", de Emilio Fonseca, e "Filmei paxaros voando", de Zeltia Outeiriño.